jueves, 6 de mayo de 2010

6/V/2010. Xornal.com. O Reitorado da USC queda entre Casares e Fernández Prieto

http://www.xornal.com/artigo/2010/05/06/sociedad/universidad/reitorado-da-usc-queda-casares-fernandez/2010050600312200171.html

O catedrático de Enxeñería Química e o de Historia Contemporánea foron os máis votados dunhas eleccións nas que medrou a participación do alumnado

C. SOUTO / R. PAZOS

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) coñecerá o nome do seu novo reitor o vindeiro 24 de maio, cando Juan Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto se enfronten de novo nas urnas tras seren onte os dous nomes máis votados nunha xornada electoral insólita polo elevado número de candidaturas.

 
Casares, catedrático de Enxeñería Química, colleitou o 26,4% dos votos, seguido de preto por Fernández, catedrático de Historia Contemporánea, co 20,8%. Ambos os dous son figuras recoñecibles dos últimos catro anos na USC. Casares, rival de Senén Barro en 2006, soubo manter o apoio da comunidade universitaria e superar en votos ás outras seis candidaturas. Malia as altas horas en que se pechou a xornada electoral –agardaba polos xornalistas no Campus Vida cando xa case daban as once da noite–, o vencedor desta primeira volta asegurou, en declaracións a Xornal de Galicia, estar “moi agradecido e satisfeito de ser a primeira opción dunha universidade coma a USC e, sobre todo, polo apoio da xente, porque houbo arredor dun 70% máis de participación que hai catro anos”. “A universidade está viva”, concluíu.

Da súa parte, Fernández Prieto recibiu aos medios na facultade de Filosofía –onde case queda pechado polo tardío da convocatoria–, onde sinalou que “hai dous modelos de universidade que son os que se van a confrontar: a que foi e a que pode ser”. Para eso, lanzoulle a Casares a proposta de realizar “tres debates: un en cada campus”. Ao respecto, o seu rival asegurou que se sentarán a falar para negociar cando, onde e como deben contrapoñer as súas propostas.

Para o reitor saínte, Senén Barro, o momento é chegado: “Nunca levanto o pé do acelerador ata o final e por iso me sinto satisfeito de rematar estes oito anos”.

CINCO EQUIPOS... DISPOÑIBLES?
No camiño quedaron cinco candidaturas, encabezadas en porcentaxe de votos pola catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea, que acadou o 14,3% do total. Moi preto quedaron a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo, co 13,2%, e Laura Sánchez Piñón, co 13%. Á catedrática de Xenética posiblemente lle pasou factura a lembranza da súa época como conselleira de Educación co bipartito, cando non se conseguiu negociar un novo plan de financiamento. Aínda que é complexo analizar todas as causas que motivan a decisión do voto da comunidade universitaria.

 
Atrás quedaron o decano de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez, co 8,6% dos votos, e o doutor Juan Varela Durán, co 3,7%.
Ábrese agora un periodo de redefinición de estratexias no camiño cara ao Reitorado que non necesariamente están só en mans das dúas candidaturas que pasan á segunda volta. Os cinco equipos que quedaron atrás poden ser, e posiblemente serán nalgúns casos, incorporados aos equipos que si conseguiron superar a primeira criba de onte. Algúns, como Gómez ou Brea, xa dixeron que non pensaban pactar. Outros, coma Sánchez Piñón, esperaban incorporar, non seren incorporados. E outros, como Bermejo e Varela, xa deixaron clara desde un principio a súa intención de negociar con aqueles máis afíns para formar un equipo de goberno estable.
Sexa como for, a comunidade universitaria da USC deixou oír a súa voz onte máis ca nas pasadas eleccións de 2006. O profesorado funcionario doutor, cuxo voto ten o meirande peso na ponderación, mantivo a tradición dun alto índice de participación, superior ao 84%. O resto do profesorado oscilou entre o 77 e o 89%. O presidente da Mesa Electoral Central, Gumersindo Villar, destacou que “o estudantado tivo unha participación máis alta (13%) que noutras edicións que apenas chegaban ao 10%”