viernes, 14 de mayo de 2010

15/V/2010. Xornal.com. Juan Casares Long: “A miña preocupación é facer as cousas contando con todos”

http://www.xornal.com/artigo/2010/05/14/sociedad/universidad/mina-preocupacion-facer-cousas-contando-todos/2010051422541600219.html

“É preciso un control moi rigoroso de ingresos e de gastos; non podemos nin debemos endebedarnos”

CRIS SOUTO


Juan Casares Long enfróntase o día 24 á súa terceira votación como candidato ao Reitorado da Universidade de Santiago (USC). Tras perder en 2006 fronte a Senén Barro, conseguiu o mellor resultado na xornada electoral do pasado día 5, con dez votos máis ca Lourenzo Fernández Prieto. Obtiveron o 26,4 e o 20,8% dos apoios, respectivamente.

Como valora os resultados da primeira volta das eleccións?

O voto estivo moi espallado e notouse que todas as candidaturas traballaron moito. Foron unhas eleccións interesantes que, aos dous candidatos que quedamos, nos obrigan a facer unha análise das cousas que se fixeron ben, as que se podían facer mellor, como enfocar agora a segunda etapa... Quedar de primeiro, e con diferencia respecto ao segundo, é un bo resultado que hai que mellorar na segunda volta. Gañamos en cinco dos oito colectivos da universidade –os catro tipos de profesorado e os estudantes de terceiro ciclo– e foinos moito mellor en Lugo que hai catro anos.

Cre que o perxudicará a imaxe de conservador fronte ao progresismo asociado á candidatura de Fernández Prieto?

Ese termo, progresista, díxoo un político que non ten nada que ver coa universidade e que descoñece a realidade da institución. Este é un tema universitario e moi afastado desas polarizacións. Na universidade, máis que noutros colectivos, o voto é segredo e moi persoal, de xente que coñece ben a casa, polo que as simplificacións aquí non funcionan.

Vai incorporar ideas e persoas das cinco candidaturas que quedaron atrás?

Eu sempre mantiven, desde o principio, o equipo completo. En canto ás ideas, estamos traballando neso. Esta fin de semana temos moito traballo examinando o seu material, o que deixaron por escrito, para recoller cousas que no seu momento non consideramos e agora pensamos que poden ser moi interesantes. Por suposto, hai máis afinidade cuns que con outros, e tamén se hai que fixar naqueles que conseguiron máis votos porque son os realmente importantes.

Finalmente, acordou co seu contrincante a celebración de debates en campaña?

Si, imos ter dous debates, un en Lugo e outro en Compostela. Estamos de acordo en practicamente todo e estamos matizando só un pequeno detalle.

Cal será o seu primeiro acto como reitor da USC?
Non coñezo o protocolo, pero o primeiro que quero facer ten que ver con algunhas persoas desta universidade que merecen o meu máximo respeto. De momento non direi nada máis.

Os reitores actuais veñen de reafirmar o acordo de colaboración entre as tres universidades. Como retomará o asunto?

É un acordo de bases que haberá que estudar e desenvolver, pero a colaboración institucional entre as tres universidades é imprescindible. Somos un país pequeno, na periferia, e temos que corrixir moitos erros cometidos nos últimos anos e aupar as cousas que se fixeron ben. Levamos un ano empezando a corrixir temas derivados dos localismos e temos que seguir traballando nese sentido, para mellorar a oferta académica e afondar na necesaria política de austeridade.

Que fará co Campus Vida?

É un proxecto moi ambicioso que temos que converter, dun proxecto que nace excluínte, nun proceso incluínte. É moi importante que todo o mundo se sinta cómodo cun proxecto que a moitos nos colleu de sorpresa e que se fixo de costas a nós. É unha realidade que temos aí e que hai que aproveitar e sacarlle rendemento canto antes. Haberá que reconducir as formas e axustar as preferencias para que todas as áreas de coñecemento teñan as mesmas oportunidades. Despois, cada un terá que xustificar o que lle corresponde. A miña preocupación é facer as cousas contando con todos.

Como levará o financiamento da USC?

A realidade é moi terca, pero eu tamén son un pouco terco. Temos que coñecer todos a nosa situación financeira para ser conscientes do esforzo que temos que facer. Despois, é necesario un control moi rigoroso de ingresos e de gastos. Non podemos nin debemos endebedarnos. A educación é un valor tan importante ou máis que as infraestruturas ou o sector industrial, ao mesmo nivel que a sanidade. Ambas deberían estar sempre en primeiro lugar para a clase política, pero a educación non o está.

Como debe ser o mapa de titulacións?

Temos que ser todos conscientes de que aquelas alegrías de hai vinte anos non poden reproducirse. Cada titulación que poñemos supón un esforzo, temos que ver que recursos temos e non crecer sobre a base das duplicidades. O mapa de titulacións que xurda a partir do ano 2012 será froito da evidencia das actuais transformacións e das oportunidades que xurdan na sociedade.

Defenderá a oposición da USC ao pacto da docencia clínica de Medicina

 

Si, haberá que negociar para chegar a unha solución que pasa por ter unha titulación, unha facultade –ambas da USC– e a máxima colaboración institucional co Sergas para dar a mellor formación na docencia clínica dos nosos estudantes.

Pase o que pase, que fará o 24 e o 25?

O día 24 estarei ocupado e preocupado. E o 25, ocupado e con outras preocupacións. Se o resultado é negativo, pois teño un traballo que me gusta, de profesor e investigador, que leva meses nun segundo plano e que haberá que retomar. Se as cousas saen ben, haberá que empezar a preparar a transición.

 

Destaque un aspecto positivo e outro negativo da outra candidatura.

 

Non me parece correcto facelo. Eso xa o decidirán os votantes o día 24.