viernes, 21 de mayo de 2010

21/V/2010. Xornal.com. Os reitorables da Universidade de Santiago debateron onte en Medicina


Lourenzo Fernández Prieto e Juan Casares Long volveron confrontar onte os seus respectivos proxectos de goberno fronte ao público congregado na facultade de Medicina de Santiago. Os dous candidatos ao Reitorado da Universidade de Santiago (USC) celebraron o segundo –e último– dos debates que decidiron realizar neste segundo período de campaña, previo ás eleccións do vindeiro luns 24.



Este foi “máis intenso có anterior”, segundo Fernández Prieto, e suscitou o interese de máis de 200 persoas que se apretaron na aula 5 da facultade, abafando coa calor. Tendo en conta a ubicación, os alumnos e profesores de Medicina interesáronse tamén pola polémica da docencia clínica, que se reparte agora entre as tres universidades galegas. Casares Long lembrou ao respecto o “comisionado de Ciencias da Saúde, que vai coordinar Manolo Macía, xefe de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUS”, para demostrar o seu compromiso e interese neste aspecto.



Porén, Fernández Prieto reclamoulle que de novo evitase pronunciarse sobre a súa actitude para negociar co goberno galego: “Non conseguín que explicara as súas propostas de futuro en materia económica e cal vai ser a súa relación coa Xunta”.



Casares Long proclamou “transparencia”, rigor cun “axuste matemático” das contas e, sobre todo, contar “con todos para ter un Reitorado forte”. Pola súa parte, Fernández Prieto dixo que “a USC ten que escoller entre dous modelos galegos, o de R, unha empresa tecnolóxica avanzada, internacional e envexada por todos, e o modelo da Deputación de Ourense, que é o de Casares”. Hoxe é o último día de campaña activa antes da votación do luns.