miércoles, 26 de mayo de 2010

26/V/2010. La Voz de Galicia. «Falo de contar con todos, e o primeiro é o meu opoñente»

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/05/26/0003_8507475.htm

Xa o chamou o luns para darlle os parabéns pola vitoria e onte o aínda reitor, Senén Barro, recibiu a Casares Long na que será a súa casa durante os próximos catro anos para preparar un traspaso de poderes que se retrasará, polo menos, un mes, ata que a Xunta dea o visto e prace á proclamación do novo reitor.

-Foi un encontro de cortesía pero tamén marcamos un pouco a axenda de traballo para os próximos días.

-E xa comezarán as reunións entre equipos.

-Iso é o que vai ocorrer nas próximas semanas. Non temos marcada data. Hoxe pola tarde [por onte] vou reunirme co meu equipo e alí falaremos destes temas. A partir dese momento será cando acordemos as datas. Eu quedei de transmitirlle esas datas a Senén Barro nun ámbito de compañeirismo.

-¿Cal é a orde do día?

-Pois mire. Faremos o repaso das eleccións, unha análise individualizada dos resultados por centros, pero sobre todo a organización do traballo de cada unha das persoas e o establecemento das liñas de traballo.

-Xa anunciou que recollerá toda a información posible dos aínda vicerreitores sobre temas específicos. ¿Cales serían?

-Agora mesmo non podo adiantar nada, porque quero falar co equipo e que o decidamos entre todos. De todos os xeitos, hai algúns temas que son obvios, como o financiamento, de persoal, que son asuntos que sempre afectan a moita xente, están mesmo os temas da organización académica ou a xerencia. Cousas que teremos que resolver estes días.

-Tras coñecerse os resultados, pediu a colaboración do seu opoñente, Lourenzo Fernández Prieto. ¿Hai xa fixada unha reunión?

-Falamos onte e tivemos unha conversa moi agradable á noite, como non podería ser doutro xeito. No seu equipo vai unha persoa que colaborou comigo na Xunta, coa que teño unha especial relación de amizade, e el tamén ten amizade con algunha xente nosa. A Universidade non é como o mundo da política, onde as posicións se polarizan, mantéñense no tempo e incluso as fracturas se fan moito máis profundas. Claro que falaremos, agora mesmo non lle podo dicir cando, pero temos que ter moito respecto por el, porque fixo un esforzo moi importante. Cando falo de contar con todos, primeiro é con quen foi o principal opoñente, se non parece que soa a oco.

-De feito, apostou por integrar as ideas dos outros candidatos na segunda volta...

-[Interrompe] É integralo no exercicio, non no programa, porque non o tocamos. A cuestión é que precisamente nos próximos días, cando marcaremos as prioridades, aí é onde os incorporaremos e despois non terei inconveniente en dicir que algo é resultado non só de nós, senón tamén do que fixeron outros. Así o faremos.