lunes, 24 de mayo de 2010

24/V/2010. A Nosa terra. Casares Long elixido reitor da USC

http://www.anosaterra.org/nova/45899/casares-long-elixido-reitor-da-usc.html




Co 56,91% dos votos



Casares Long elixido reitor da USC



Europa Press . O catedrático de Enxeñería Química Xoán Casares Long resultou elixido reitor da Universidade de Santiago (USC), co 56,91 por cento dos votos, fronte ao 43,09 por cento do seu rival, Lourenzo Fernández Prieto.

Deste xeito, Casares Long, que se presentou por segunda vez consecutiva ao Reitorado, relevará no cargo a Senén Barro, tras oito anos de mandato á fronte da USC. O gañador foi, ademais, o aspirante máis votado na primeira volta, celebrada o pasado 5 de maio, de entre os sete candidatos –catro homes e tres mulleres.

Segundo os resultados provisionais, Casares Long obtivo 2.442 votos reais, o que supuxo o 56,91 por cento dos votos ponderados, fronte ás 2.339 papeletas recibidas por Fernández Prieto, o 43,09 por cento dos votos ponderados.



Por sectores, os resultados mantivéronse similares á primeira volta, xa que Casares foi o máis votado por profesorado funcionario doutor (65,74 por cento), non doutor (53,45 por cento), contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante (51,14 por cento), outro profesorado (53,72 por cento) e estudantes de terceiro ciclo (55,06 por cento). Con todo, entre o alumnado de primeiro e segundo ciclo logrou menos papeletas que o seu rival (45,4 por cento), así como no PAS (46,53 por cento) e entre os investigadores en formación (42,33 por cento)
Pola súa banda, Lourenzo Fernández Prieto alcanzou maior número de votos nos sectores de estudantes de primeiro e segundo ciclo (54,6 por cento); investigadores en formación (57,67 por cento); e no PAS (53,47 por cento).

“Alta participación”

En rolda de prensa, o presidente da Mesa Electoral Central, Gumersindo Villar, felicitou o "futuro reitor e tamén ao candidato que non obtivo maioría". O próximo 4 de xuño producirase a proclamación definitiva, tras o período de reclamacións legalmente estabelecido


Villar incidiu, así mesmo, na "alta participación en todas as categorías no proceso". O maior índice rexistrouse entre o profesorado doutor, co 89,1 por cento; seguido do profesorado contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante, co 82,31 por cento; e do funcionario non doutor, 82,14 por cento.
Pola súa banda, o PAS votou nun 64,5 por cento, mentres que o 18,22 por cento correspondeuse coa participación dos investigadores en formación; o 8,46 por cento cos estudantes de primeiro e segundo ciclo e o 4,93 por cento cos alumnos de terceiro ciclo e posgrao


“Contar con todo mundo”

En declaracións a Europa Press, o reitor electo, que se mostrou "moi contento" co resultado, destacou que necesita "contar con todo o mundo" porque este resultado "ten que ser un éxito de toda a USC".
Así mesmo, Casares lembrouse dos outros seis candidatos que concorreron á primeira volta, dos que valorou o "esforzo persoal moi grande por tratar de gañar". En concreto, tivo un "recoñecemento" para Fernández Prieto porque, dixo recordando a súa situación hai catro anos cando se enfrontou a Senén Varro nos comicios, "seguro que nestes momentos sente a necesidade de que nos sintamos próximos".
Tras resaltar que está vivindo "un momento moi especial", Casares Long subliñou que, de cara ás iniciativas a pór en marcha os próximos catro anos, "todo é urxente e importante". Deste xeito, manifestou a súa intención de que "todo o mundo sinta que forma parte dun proxecto que é a Universidade de Santiago".



Fernández Prieto agradece a confianza depositada nel



Pola súa banda, en declaracións aos medios tras coñecer os resultados, Fernández Prieto felicitou o vencedor, recordando que lle transmitiu o parabén por teléfono hora e media despois do peche das urnas, e trasladoulle a súa "disposición desde o diálogo e a firmeza para defender" a universidade compostelá.


Tamén, agradeceu, sobre todo, "a confianza" que depositou nel "unha parte importante da comunidade universitaria", en referencia ao 43,09 por cento dos votos recibidos. "Dupliquei os apoios da primeira volta", recalcou, á vez que afirmou que isto "reforza" a idea de "seguir traballando para dentro de catro anos" e "na defensa dos intereses da USC"


"O que faremos será mirar para adiante sen medo", sentenciou e concluíu que "a comunidade universitaria decidiu o que quixo e ben. Sabemos agradecer o apoio".


Biografía de Casares Long



Casares Long (A Coruña, 1950), está casado e ten dous fillos. É Licenciado en Química pola Universidade de Santiago e o Doutor en Química pola Autónoma de Barcelona e en Enxeñería Química pola Universidade de Salford.



Entre outros cargos, exerceu de director do Centro de Supercomputación de Galicia (1993-1997); de director do centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Xunta (1997-2001), así como de director do Departamento de Enxeñería Química da USC (2004-2008).