domingo, 16 de mayo de 2010

16/V/2010. Xornal.com. Juan Casares Long: É hora de sumar.






Hai algo máis dunha semana tivo lugar a primeira volta das eleccións a Reitor da Universidade de Santiago de Compostela. O resultado, calquera que fora, sería inesperado, na medida que non se tiña dado una situación semellante antes, con sete candidatas e candidatos das áreas de Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais e Enxeñarías.

A candidatura que lidero foi a máis apoiada en cinco dos oito sectores do electorado, obtendo resultados bos nos outros tres. En resumo, foi a opción elixida en primeiro lugar pola comunidade universitaria.
Concibo o futuro como unha tarefa de todos, no deseño de corresponsabilidade que recolle o noso programa. No centro da formulación, tomando decisións, ten que estar o Reitorado, priorizando, coordinando, impulsando, animando, pero deixando o alento suficiente aos centros, departamentos e ás persoas para que poidan desenvolver a súa creatividade e as súas propias actividades, nun cadro de transparencia e diálogo permanentes.Para esta tarefa propoño unha estrutura de oito Vicerreitorías e unha Secretaría Xeral, con funcións claramente delimitadas, evitando solapamentos, obstáculos e inxerencias ineficientes. Non é necesario que suliñe que para esas tarefas conto con persoas traballadoras, con criterio, capaces e moi ilusionadas, de todas as grandes áreas de coñecemento, de todas as sensibilidades, mulleres e homes.

Á función de impulso e decisión do equipo reitoral virá aparellada a función de execución e xestión en mans da Xerencia. Apostamos por un modelo de profesionalización plena, racionalizando os servizos e simplificando e axilizando os procedementos na medida do posible.
Somos moitos os que queremos que se recoñeza a labor docente como lle corresponde, seguir avanzando na incorporación de todos á investigación, a valoración da xestión e a administración,e a transmisión da cultura. Para iso, o equipo que me acompaña nestas eleccións, tanto o de goberno como o máis amplo que está colaborando na campaña, traballou e traballa moi cohesionado.
Pero tamén hai moitas persoas que apoiaron a outras candidaturas na primeira volta e ese capital humano non pode perderse, temos xuntos que facer unha Universidade boa, unha Universidade mellor. Por todo isto, hai que recuperar a esencia da Universidade. Súmate.