miércoles, 26 de mayo de 2010

26/V/2010. La Voz de Galicia. «Campus Vida non ten que inscribirse nun só espazo xeográfico e na saúde humana»

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/05/26/0003_8507474.htm


«A esencia é a sabedoría» e para chegar a ela, Casares Long aposta pola transparencia, o diálogo, a cultura do esforzo entre toda a comunidade universitaria e, sobre todo, a participación dos implicados no futuro da Universidade compostelá.

-A participación do estudantado caeu cinco puntos con respecto á primeira volta e vostede achácao aos exames.

-A baixa participación é un problema clásico entre os estudantes, pero o descenso con respecto á primeira volta si que o achaco aos exames. Penso que probablemente a medida que se achegan, as prioridades son as que son. A primeira é sempre a aprendizaxe e cando chegan os exames pois os exames. Todo isto aínda que non tiven tempo a analizar os detalles dos centros.

-E quere mellorar isto.

-Si, si. Temos que atopar o xeito de que eles se impliquen. O problema da participación non son as cotas no claustro, precisamente é que non se cobren esas cotas. Se fose un problema porque o solicitan tantos centos de estudantes... pero a realidade é que quedan prazas libres, e mesmo a falta de asistencia ao claustro, que é aínda peor. Trátase de concienciar, e falo tamén do consello de goberno. Tamén é certo que a súa prioridade é a que é, e moitas veces nos órganos de goberno tratamos temas que para eles están moi lonxe.

-Xa aludiu a que pode haber retrasos en Campus Vida, pero tamén a que pode incluír a Facultade de Veterinaria no proxecto.

-Non. Imos ver, cando falamos de proxectos diferenciados e falamos de Campus Vida, creo que non hai que centralo na vida humana, tamén podemos pensar na vida animal. ¿Por que non pensar que nalgún momento imos ter un centro asociado coa vida animal e asociado con algo que nos diferenza do resto das universidades galegas? O proxecto non ten que circunscribirse a un espazo xeográfico determinado. Creo que sería bo.

-Tamén quere outorgar a cátedra a todos os acreditados.

-Temos un compromiso que está fóra de toda dúbida. Estou seguro de que imos ter recursos para facelo. Setembro ou outubro é a data que no seu día eu asinei con eles e é o compromiso que está enriba da mesa.