domingo, 23 de mayo de 2010

23/V/2010. La Voz de Galicia. CAFÉ DE REDACCIÓN CON DOUS CANDIDATOS Á REITORÍA DA USC

http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2010/05/23/0003_8502407.htm





Os dous candidatos a reitor da USC confrontan os seus proxectos e visión da institución

La Voz reuniu nun café de redacción a Lourenzo Fernández Prieto e a Juan Casares Long nun café de redacción

Reivindica a súa posición de independente e de traballar pola Universidade

Autor: Tamara Montero


A derradeira vez que se enfrontan. Lourenzo Fernández Prieto e Juan Casares Long tiveron un café de redacción con La Voz antes das eleccións a reitor de mañá.

FINANCIAMENTO

Coinciden en que o novo plan debe contemplar obxectivos.

Lourenzo Fernández Prieto. Estamos nun marco económico diferente e nós falamos dun acordo coa Xunta a 10 anos, que ten que facerse dende a cooperación e o diálogo pero tamén dende a posición da USC como universidade singular, histórica e internacional. Precisamos dun reitor capaz desa negociación. Ese acordo daría o soporte e a sustentabilidade financeira básica e ás infraestruturas académicas e investigadoras. Despois está a necesidade de acudir a xacementos de recursos e garantir o soporte financeiro por outras vías. Todo iso cunha maior eficiencia e competencia no uso dos recursos.

Juan Casares Long. Entendemos que o plan de financiamento debe de ser a medio prazo porque a situación actual é de dificultades económicas. Non deberiamos comprometer o gasto e os ingresos da USC a longo prazo para garantir que nunha situación que ten que mellorar se poida negociar un novo plan de financiamento máis axeitado ás necesidades da Universidade. Entendemos que o plan de financiamento ten que ter unha parte incondicionada que responda ás necesidades básicas asociadas coa docencia e a investigación e mesmo incorporar a implantación dos novos plans de grao e posgrao.

LFP-. En toda a campaña preguntei varias veces cal sería a súa posición respecto da negociación coa Xunta e se sería un delegado dela. Creo que xustamente esa resposta e as que me deu a esta cuestión demostran que sempre parece atender ás posicións da Xunta. Nós temos que defender o punto de vista da USC. A cuestión é que vai pedir vostede, ¿un plan curto para ter máis precariedade e máis financiamento lixo, que é onde estamos?

JCL. A miña posición é coñecida, de independente de sempre, e polo tanto non vou facer máis alusións ao tema. O financiamento condicionado ten dúas partes. Financiamento por obxectivos destinado a incentivar melloras en áreas consideradas estratéxicas, financiamento asociado ás infraestruturas en base ás características propias da USC e financiamento asociado a resultados e necesidades singulares, como transferencia de coñecemento ou transmisión de cultura.

BOLOÑA

¿Hai que adaptar

a oferta de másteres?

JCL. Os másteres foron resultado de facer a casa polo tellado, cando o ministerio nos obrigou a transformar os estudos de terceiro ciclo antes de ter os graos. Xa temos 73 másteres e en 35 o número de alumnos está por debaixo do mínimo establecido. Temos que reorganizalos e racionalizalos e fixarnos en que o que fixemos, moitas veces unha translación do terceiro ciclo, xa non vale.

LFP. Hai que revisar os másteres e hai que facer un seguimento dos graos tamén. Pero é que forma parte do modelo. O que me gustaría destacar é que Boloña custou diñeiro, e hai unha cláusula non activada no plan de financiamento que evidencia que non ía ser a custo cero. Gustaríame saber que é o que di o profesor Casares sobre esta cláusula.

JCL. Parece que para min ter tido un cargo na Xunta pesa no meu debe, pero ten que ser igual para todos. A min paréceme ben que no seu equipo inclúa unha persoa que estivo ocupando un cargo importante dentro da Xunta hai pouco tempo. Falando de graos e posgraos, penso que o importante é atender á calidade, reforzar as relacións coas institucións e acadar a transición ao mercado laboral dos estudantes.

LFP. Eu non lle pregunto polo seu cargo no goberno de Fraga. O que digo é que a independencia se practica, non se predica. O que di respecto do que vai facer é a posición da Xunta. Gustaríame saber cal será como reitor se é elixido. O que é evidente é que sempre que tivo que elixir entre Xunta e Universidade elixiu Xunta. A min a experiencia paréceme un grao e llo teño recoñecido publicamente. Eu falo da súa posición na negociación dende o punto de vista do esforzo económico e da posición da USC.

INVESTIGACIÓN

¿Como se poden potenciar as áreas menos punteiras?

LFP Non estou de acordo de que haxa áreas menos punteiras. Non hai que apoialas, hai que recoñecelas e aproveitalas. Faremos un plan estratéxico en seis meses para decidir os recursos, os obxectivos, que queremos, que debemos e como programará a USC os próximos dez anos. Trátase de aproveitar os recursos dunha universidade completa.

JCL. Entendo que existen moitas desigualdades, mesmo nas oportunidades de investigación. Temos que corrixir as asimetrías, as visións unidireccionais. O importantísimo encargo docente das Ciencias Sociais fronte a outras áreas fai que se resintan. Temos medidas concretas para resolvelo.

LFP. Como me vai contar a min cal é a asimetría dos de Humanidades e Ciencias Sociais. A miña pregunta é como vai corrixila, cal é a súa proposta aparte de levar no seu equipo persoas de Ciencias Sociais e Humanidades. Eu poño as claves para recoñecer as capacidades que teñen estas áreas e que a USC ten que aproveitar polo seu ben.

JCL. Unha das nosas medidas é apoiar as áreas que teñen dificultades para incorporar doutorandos e novos investigadores. Queremos incluír na carreira docente e investigadora as figuras de axudantes e axudantes doutores, que ao longo destes últimos anos practicamente desapareceron. Nós si que propoñemos medidas concretas de apoio, ademais da consolidación dos investigadores como vía alternativa.

CAMPUS VIDA

¿Hai que redefinir o proxecto?

JCL. É un proxecto ambicioso e importante pero sempre fun moi crítico con respecto á forma. A falta de transparencia e de diálogo ten sido un discurso permanente durante os últimos catro anos pola miña parte e ese é un exemplo máis. Iso non quere dicir que non apoie a investigación. Todo o contrario, debe ser punteira na USC, como a máis investigadora de Galicia. Naturalmente, é necesario ter en conta cousas como medir os recursos e compromisos acadados que non se van cumprir.

LFP. Eu creo que Campus Vida é outro éxito da USC: das cinco grandes áreas, dos 25 centros e dos catro campus. O proxecto concreto que desenvolve o campus de excelencia internacional é Campus Vida, un paquete que vén de lonxe. Parece que vostede non ten orgullo do que está feito, do que contribuíu a facer. Ve o demo nunha cousa na que eu vexo profesores, investigadores e PAS competentes e estudantes que se internacionalizan. Fala do pasado e eu falo de como utilizar iso para o futuro.

JCL. O que temos que facer é non parar. Que as persoas que teñen o privilexio de traballar neses centros lle saquen rendemento dende xa, e despois que rendan contas á comunidade universitaria para que sinta que condicionar recursos a ese proxecto supón un beneficio. Trátase de facer un proxecto incluínte.

LFP. O primeiro que falou de rendemento, de plan de viabilidade, de modelo de centro, de beneficio exterior, de que non drene recursos ordinarios, fun eu. Vostede o que dixo era que había que redefinilo todo, porque parece que é o único que lle vale. O desdén convertido en desprezo co que se refire aos logros da USC ás veces chama a atención. Fala de diálogo, pero o que quere é mandar, decidir que é o que hai que meter.

SISTEMA UNIVERSITARIO

¿Como deben relacionarse

as universidades galegas?

LFP. A cooperación é vital. Sempre a apoiei, a defendín, a practiquei e participei nela. Santiago debe xogar un papel de liderado pola súa posición, pola súa historia e polo seu carácter, que ademais hai que reforzar na nosa negociación e cooperación coa Xunta. Hai que reforzar o liderado. Coordinación si, e creo que está feita, pero que lle falta o financiamento. A parte dos reitores está feita e eu apoiarei iso, pero hai que ter a cooperación e o sustento da Xunta, porque quen fai a política universitaria non son as universidades.

JCL. A relación do Sistema Universitario Galego debe de estar baseada na cooperación entre universidades buscando a complementariedade e compartir recursos. Eu participei na creación do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), que está a demostrar que presta un servizo moi notable. Todo iso foi froito da colaboración coas tres universidades e de acadar algo moi importante, que os recursos os puxera a Xunta e nós disfrutaramos dos beneficios. Esa é a miña maneira de traballar.

LFP. Está claro, todo o bo o fixo vostede. Gustaríame que apreciara máis e non desprezara tanto. Eu o que lle pregunto, e a iso non responde, e cal é o seu modelo de relación coa Xunta como reitor, non como xerente dunha consellería. Eu digo cal é o meu: cooperación, negociación, acordo cos demais reitores para poder chegar a unha posición firme e liderar a negociación coa Xunta.

JCL. É que na colaboración dende o respecto non se conta o respecto mutuo. Ás veces algúns confúndense coa confrontación. Penso que nun país pequeno como o noso, que precisa de todos, esa non é a forma de traballar. Polo tanto, dende a independencia, dende a defensa dos intereses da universidade por riba de todo, a miña posición é sempre de colaboración para buscar o mellor como reitor.

PARTICIPACIÓN

¿Hai que lle dar máis

peso a estudantes e PAS?

JCL. Esa é unha tarefa que se plantexou na reforma dos estatutos. O que está claro é que cos estudantes o primeiro é acadar a súa participación. Propoñemos unha comisión consultiva que sirva de fío condutor entre esa desidia e o equipo de goberno e estudala de cara aos próximos estatutos. Con respecto aos PAS, creo que é xente tan universitaria e tan comprometida como o PDI e si deberiamos mellorar a súa participación.

LFP. Unha das nosas primeiras decisións será que os estatutos sexan aprobados antes de final de ano e a base será a mesma dos estatutos que foron votados maioritariamente. Neles mellorábase a porcentaxe de participación de estudantes e PAS. Esa solución válenos perfectamente e non imos buscar novas, e dende logo tampouco tenderetes para enredar cos estudantes. Xa tiveron máis participación e non a utilizaron.

JCL. Non teño nada máis que engadir.

L.?F.?P. En todo caso aproveito para dicir unha cousa que quedou pendente. Eu nunca fun irrespectuoso nin o serei, porque iso é o que parece deducirse das súas palabras e dende logo non cun país que non é pequeno. Este é un país grande. Eu defendo e sempre tiven unha posición de independencia, e sobre todo de liberdade.

BUROCRACIA

¿Como se poden simplificar

os procesos administrativos?

LFP. Somos un equipo máis reducido para ser máis eficaces e competentes, para distinguir o académico do xerencial. En seis meses imos simplificar procesos, reduciremos custos administrativos, que nos vai permitir un aforro do 20%, reduciremos os gastos protocolarios ao 50% e acrecentaremos os custes dos servizos cara a afora. Isto será tamén unha forma de aforro.

JCL. Unha das principais causas é que a USC non ten unha base de datos única e podería desenvolverse un sistema creado pola área TIC. Entendemos que esa racionalización da xestión administrativa ten que vir polo compromiso, a implicación, a responsabilidade e a organización racional dos servizos.

LFP. Non é un problema técnico. É un problema de dirección académica e capacidade de xestión. A tecnocracia non pode substituír á política académica. Esa posición, que non permite definir o que se quere facer e que oculta dende a relación coa Xunta ata como se van solucionar os problemas, crea un gran desacougo. Nós dicimos como resolver problemas. Vostede só os cuantifica.

J.C.L. As diferenzas son obvias. Nós propoñemos traballar con rigor, non movernos no campo das vaguidades.

PROFESORADO

¿Como equilibrar

docencia e investigación?

JCL. A universidade modificou os parámetros para os seus cadros de persoal porque pasamos dunha universidade docente a unha investigadora, e a investigación adquiriu maior presenza nas avaliacións. Tamén foron outras cousas, como a visión unidireccional dentro da USC e que, por exemplo, cinco centros teñan máis do 50% dos alumnos.

LFP. Discrepo radicalmente. Este é un vello e falso debate cunha visión negativa e destrutiva. Só existe un interese electoral en demostrar que poden solucionar un problema que vostedes mesmos foron creando. Claro que cinco centros, pero ¿por que non fala de que centros? ¿Por que non di que o 60% dos estudantes están en Ciencias Sociais e teñen o 20% dos docentes?

JCL. Temos que falar do futuro. A carreira docente debe ter o mesmo valor que a investigadora, porque son as misións principais da USC e temos que ser quen de desempeñalas ben.

LFP. A docencia é a función máis antiga e máis socialmente recoñecida da sociedade e dicimos por que e como imos desenvolvela. Os nosos vicerreitores que non dean aulas non van solicitar quinquenios.