miércoles, 26 de mayo de 2010

26/V/2010. Xornal.com. Juan Casares Long: “Superamos as tensións entre universidades”

http://www.xornal.com/artigo/2010/05/26/sociedad/universidad/superamos-tensions-universidades/2010052600261402689.html

“Hai que buscar unha solución a Medicina que non pase pola figura do profesor colaborador docente”



CRIS SOUTO

O teléfono móbil de Juan Casares Long morreu ás 17.49 horas da tarde de onte, xornada post electoral, na que o futuro reitor da Universidade de Santiago (USC) foi un dos homes máis solicitados do día. “Síntome diferente, un pouquiño raro con este relativo parón en comparación coas longas semanas de campaña”, confesou unha vez retomada a conversa desde o teléfono fixo.



Recibiu moitas chamadas. Cales lle sorprenderon máis entre todas elas?

 

As máis representativas foron as dos outros candidatos, do propio profesor Senén Barro e dos reitores da Coruña e de Vigo. Despois, da xente da casa, teño agora 65 mensaxes para contestar.





Este ano tivo uns resultados opostos aos de 2006 nas eleccións. Baixou o apoio do estudantado pero gañou entre o profesorado, o que lle deu a vantaxe porcentual. Como analiza estes datos?

 


Penso que a comunidade universitaria foi quen de ver na nosa proposta un programa realista, un equipo plural, aberto, formado por xente con experiencia de xestión na universidade e mesmo tamén cun candidato a reitor que lles resultaba unha persoa de credibilidade para facer un bo traballo á fronte da universidade. Penso que eso foi o que fixo que o profesorado, de forma moi maioritaria, apoiara a nosa candidatura.

 


Seguiu as eleccións na Universidade de Vigo, coa vitoria de Salustiano Mato?

 


Claro, falei con el o día despois das eleccións [en Vigo]. Coñecémonos desde hai anos e temos unha relación moi boa.

 


Nese sentido, como levará vostede o acordo de apoio e colaboración que asinaron os tres reitores galegos?

 


É unha colaboracion que hai que potenciar. É moi bo que os tres reitores asinaran un acordo de traballo en tres ámbitos de investigación que non colisionan entre si: Santiago co Campus Vida, Vigo co do Mar e A Coruña co de Construción e Edificación Sostible. É bo ter aos tres implicados no desenvolvemento dos tres campus, que non sexa cousa dun. Un coordina, pero a participación é dos tres. Ese feito é moi notable e vai abrir portas e eleminar tensións.

 


E co Campus Vida, que fará? Había varios aspectos que non lle gustaban...

 


Lamentei moito a forma de plantexalo, pero agora temos que traballar para que a xente que ten o privilexio de traballar neses centros –que son as mellores instalacións, os mellores equipamentos da universidade–, ofreza os mellores resultados de investigación da nosa universidade para axudar a empurrar á demais xente. Hai que convertelo nun proxecto incluínte, que todos se sintan parte del, por eso o traballo deles debe repercutir na mellora de todos os demais.



Falaba de eliminar tensións. Que pasará co acordo de Medicina que rexeitou sendo candidato?

 

É parte da historia. Penso que as tensións entre as universidades están superadas precisamente polo acordo do que falabamos antes. Despois, a colaboración institucional co Sergas ten que levarnos a buscar unha solución que non pase pola figura do profesor colaborador docentes, cunha figura de traballo que non altere a normalidade académica dunha titulación da USC.

 


Onte tivo a primeira reunión co reitor saínte, Senén Barro. Como foi?

 


Foi unha reunión, sobre todo, de cortesía. Intercambiamos as nosas formas de traballar para o proceso de transición desde o equipo saínte ao equipo entrante. Eso será obxecto de traballo nos próximos días e aí verémonos todos inmersos durante estas semanas, recollendo información, traballando cos propios funcionarios, para que a transición sexa o máis sinxela posible.



Que papel terá o seu rival, Lourenzo Fernández Prieto, no seu goberno?

 


Xa o falamos e imos buscar puntos de encontro para traballar a prol da universidade o máis unidos posible.

 


Ten moitos asuntos importantes que atender, como o financiamento ou a aplicación de Boloña. Que ten anotado como inmediato na axenda de reitor?

 

Coñecer a realidade económica é moi importante para proxectar o futuro, porque marcará ata onde poden chegar as nosas capacidades. Adaptar os plans de estudos, de graos e posgraos, tamen suporá un esforzo importante. E, no Persoal de Administración e Servizos (PAS), imos tratar de consolidar as figuras de moitos anos de interinos e contratados eventuais, que non é unha carga financeira, pero si a estabilidade das persoas, algo moi importante. E despois, todo o que se presente día a día.