lunes, 17 de mayo de 2010

17/V/2010. El Correo Gallego. Letras Galegas na USC

mailto:http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/letras-galegas-na-usc/idEdicion-2010-05-17/idNoticia-547836/


MARCELINO AGIS


A Universidade de Santiago de Compostela celebrou a semana pasada o Día das Letras Galegas, dedicadas este ano ó poeta do Courel, Uxío Novoneyra. É unha fermosa tradición que se vén celebrando dende hai 47 anos. Un acto académico que serviu para presentar o libro dedicado a Novoneyra, coordinado polo Departamento de Filoloxía Galega e no que escoitamos a coidada lección maxistral do profesor Anxo Tarrío sobre o homenaxeado.



Un dos atractivos da publicación deste ano é a reprodución facsimilar do manuscrito autógrafo do libro Os eidos. Terras outas e sóias do Caurel, que Novoneyra remata no ano 1954. Domingo García-Sabell custodiou agarimosamente o manuscrito desta peza clásica da literatura galega, escrita nun humilde caderno no que o poeta do Courel foi debuxando, máis que escribindo, cada un dos poemas. Unha regalía para o lector que lle debemos a xenerosidade de Teresa García-Sabell Tormo, profesora da Facultade de Filoloxía, que o puxo nas mans dos editores universitarios.



O libro garda outros segredos encantos, entre eles, a fotografía da portada feita por Carlos Valcárcel, vernizada no seu día para que non a estragase a humidade da casa; as fotografías artísticas da montaña do Courel, feitas pola habelenciosa man de Juan Luís Blanco Valdés, director técnico do Servizo de Publicacións da USC, home de cultura renacentista e de refinada sensibilidade; así como unha breve peza en castelán de Ramón Otero Pedrayo, titulada La palabra en el Caurel, publicada no diario compostelán La Noche en agosto de 1954: "Hablan las cosas. El verso pasa en palpitares como el viento o la sombra en el agua o aquel intermedio en el caer de la nieve".



Profesor de Filosofía