lunes, 17 de mayo de 2010

17/V/2010. Galleciae. Lembranza de Uxio Novoneyra








A xente que conviviu con el describe a Uxío Novoneyra coma un sabio, un home de pensamento. A serra do Courel viuno medrar dende os anos 30 e Novoneyra agradeceulle esta compaña co poemario 'Os Eidos', mais a súa figura expándese e unha profunda formación poética e filosófica o converte nun home que fixo da poesía e a creación a súa forma de vida.

Para Emilio Cao, músico que musicou poemas seus e que colaborou con Novoneyra nalgúns proxectos, cre que o poeta nado no Courel ''é un elo entre a Galicia ancestral e o futuro'', e salienta que Uxío era desas persoas que son transmisores vivos dunha cultura case esquecida.



Unha das caligrafías de Uxío Novoneyra cun poema de 'Os Eidos'

''E é un poeta moi actual'', di Emilio Cao, ''ás veces parecíame un poeta oriental, de feito a sua relación cos haicus non me pareceu estraña. Moitos poemas de 'Os Eidos' semellábanme haicus tamén''.

A poesía de Novoneyra ''era unha poesía do pobo'', afirma o profesor Hermnio Barreiro. Éste lembra que ás veces, Uxío poñíase a ler 'Os Eidos' coma se fosen versos que non estaban escritos por el, ''parecíalle unha poesía que lle fora ditada, de pura esencia popular e colectiva que el tocaba nese libro. É un libro de ecos dun pobo, dun país, dunha terra, non dunha paisaxe'', afirma Barreiro.

''Non estaba fechado a nada''

Foron as vastas lecturas de Novoneyra as que lle permitiran facer da serra do Courel un símbolo do país desaparecido. Dende a filosofía de Martin Heidegger, pasando por toda a poesía do mundo, ate os trovadores medieviais están presentes na poética de Novoneyra. ''El aproveitándose de todo isto, chega a unhas solucións poéticas que son absolutamente individuais. Non estaba fechado a nada'', di o presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín.

 
A súa obra non só se dedicou á escrita no sentido máis estrito, entre as súas obras atópanse tamén fermosos gravados e poemas caligráficos, nos que as letras que debuxa transmiten tanto ou máis que as palabras. Así, foi alá polo 1979 no que publicou os seus 'Poemas caligráficos', obra na que colaboraron Reimundo Patiño e Xosé Manuel Pereiro. 5 anos antes tirara do prelo 'Os Eidos 2. Letanía de Galicia', onde se aprecia a influencia que a súa segunda época madrileña a comezos dos 60 deixou na súa conciencia política.

 
A convivencia coa poesía

A poesía foi a vida de Novoneyra. Fora precisamente nesa segunda etapa madrileña, momento no que entrou en contacto co grupo Brais Pinto, no que realizaba para RTVE o programa 'Versos a medianoche', no que el propio facía unha escolma de poemas e se retransmitían nunha emisión internacional.

''Coñecía unha enormidade'', lembra Herminio Barreiro, quen afirma que Uxío empregaba tamén a poesía como argumento para convencer. Na súa cabeza no entraba calquera cousa, '' aprendía aquelo que lle servía para argumentar''.

Tamén Emilio Cao salienta esa faceta del. ''Sempre que falaba dábanme unhas ganas tremendas de gravalo'', afirma. Cao di tamén que ''era un recitador que recitaba en calquera situación da vida. Ti ías por unha rúa transitada paseando con el e de repente paraba a recitar''.

 
Interseccións

Precisamente, este músico tiña un proxecto conxunto con Uxío Novoneyra, que non chegou ao seu culmen e no que se inspira a actual xira de concertos que Emilio Cao dá este mes en homenaxe ao poeta do Courel. Tal proxecto tiña por nome 'Interseccións' e consistían en actuacións en directo en que ''eu tocaba algunha das pezas que eu lle compuxera e el recitaba os seus poemas''. Tal iniciativa tiña a intención de que se gravasen algunhas sesións para sacar un disco, mais a enfermidade de Uxío non fixo posible rematar tal traballo.

Cao tamén lembra un detalle que lle chamou a atención de Novoneyra. ''Cando tiña que presentarse diante do público poñíase moi nervioso. pasaba noites sen durmir, preocupado de que todo fora ben'', recorda. ''Para min era extraño que un home cunha presencia tan forte aí se amosase fráxil''.

Lonxe do Courel

Tras un tempo no Courel, a onde foi en 1966 para coidar dos seus pais trala súa estadía madrileña, a partir de 1983 o seu centro vital foi Santiago de Compostela. As súas visitas ao Courel fóronse facendo moito máis espoirádicas mentres continuaba a súa produción poética ao longo da década dos 90.

''Como non podía coidar da casa doíalle ir ate alá e ver a natureza que se ía comendo todo aquilo, dominando a casa'', lembra Herminio Barreiro. A súa vida remataría, ao igual que rematou o século XX, en 1999. A homenaxe que se lle rende este ano é unha das máis merecidas para aquel que berrou aos galegos que a forza do seu amor non poder ser inútil.