viernes, 21 de mayo de 2010

21/V/2010. La Voz de Galicia. Os cursos de verán da USC achegaranse este ano a oito concellos da provincia lucense

http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2010/05/21/0003_8497864.htmutm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz


Castro de Rei e Triacastela únense aos municipios que xa participaron noutras edicións
C. López

Dun total de 38 cursos que a Universidade de Santiago ten programados para este verán e que se desenvolverán na segunda quincena de xullo e na primeira de setembro, 13 deles van ter lugar en Lugo, repartidos por oito municipios da provincia. Aos habituais anteriormente nesta programación, como é o caso do concello da capital, Sarria, Foz, Ribadeo, Guitiriz e Monforte, incorpóranse nesta ocasión os de Castro de Rei e Triacastela. A temática, como non podía ser doutro xeito, será ampla e variada, predominando as cuestións medioambientais e determinados aspectos socioeconómicos específicos da provincia lucense.

A interacción de alimentos e medicamentos e as instalacións industriais son as temáticas dos dous cursos previstos no campus de Lugo para xullo, mentres que en setembro abordarase a caracterización e monitorización de hábitats e os accidentes de circulación. No campus de verán de Sarria trataranse cuestións relacionadas co desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo e co Camiño de Santiago. Paisaxes naturais e culturais e estratexias na xestión da auga serán as temáticas dos cursos de Guitiriz.

O manexo de agroecosistemas sostibles será a temática central do curso a desenvolver en Castro de Rei; mentres que en Foz daráselle continuidade ao curso de Historia da Educación, que cumpre xa a novena edición. O resto da programación contempla un curso en Monforte sobre xestión de ecosistemas de áreas irrigadas; outro en Ribadeo, que versará sobre o deseño de agroecosistemas sostibles, e un último en Triacastela sobre a vida na montaña luguesa na idade de xeo.

O prazo de matrícula abrirase o 25 de maio para os que a efectúen por Internet e a partir do 15 de xuño para quen a formalice de maneira presencial. Este ano a inscrición rematará o día de comezo de cada curso. Ademais, a USC decidiu manter e non aumentar as taxas de inscrición, que serán de 120 e 70 euros para cursos de 30 ou máis horas; e de 70 ou 40 euros para cursos de entre 15 e 30 horas. O maior custo en cada modalidade será para a matrícula xeral; mentres que a reducida diríxese a cidadáns desempregados ou estudantes, entre outros.

Boa oferta, pese á crise

A vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, que presentou os cursos xunto co director da programación, Pablo Sampedro, incidiu en que o calendario deste ano conta cunha moi boa oferta de cursos de verán «a pesares da situación económica da institución compostelá, o que requiriu dun esforzo de investimento complementario por parte dos municipios participantes». Sampedro, pola súa parte, explicou que os cursos programados representan unha continuación «tanto no perfil coma nos aspectos prácticos» e que se trata de cursos «xa adaptados ás novidades dos novos graos».

A metade que no 2009

O pasado ano, a Universidade de Santiago contou con máis de 3.700 matriculados en 72 cursos. Este ano a oferta reduciuse á metade por cuestións de operatividade e para evitar acumulacións de cursos na dúas quincenas nas que está prevista a súa celebración.