miércoles, 19 de mayo de 2010

19/V/2010. La Voz de Galicia. Santiago e a cidade alemá de Regensburg estreitan lazos en asuntos culturais e académicos


O concelleiro de Relacións Institucionais Andrés Fariña levou ata Regensburg o programa Santiago Une, que lidera a capital galega e no que están inmersas outras urbes europeas, entre elas a alemá. Na axenda da xornada tivo un peso relevante a Universidade de Santiago. Ata o país xermano desprazouse o profesor Xosé Miguel Andrade, quen abordou xunto aos responsables de estudos hispánicos da Facultade de Humanidades da cidade os paralelismos entre ambas as institucións académicas. Como xa ocorreu noutras visitas de Santiago Une, Lanzada Calatayud, directora dos cursos internacionais da USC, incidiu na importancia dos intercambios para a difusión do coñecemento dos idiomas nun momento no que o español avanza dunha forma extraordinaria en Alemaña.

Nas reunións técnicas tamén interviñeron Mónica Suárez, que presentou o proxecto Uninova da USC, e Ángel Panero, director da oficina de rehabilitación do Consorcio. O profesor Andrade pechou a xornada cunha charla sobre o Camiño.