sábado, 22 de mayo de 2010

22/V/2010. Xornal.com. Juan Casares Long. Persoas, PDI, PAS e Estudantes

http://www.xornal.com/opinions/2010/05/21/Opinion/persoas-pdi-pas-estudantes/2010052123291900853.html


A Universidade non pode ser entendida sen pensar nas persoas que a compoñen. Existe por elas e para elas. Son as persoas as que fan a Universidade. Precisamos contar con todas elas para construír o modelo que propoñemos, e acadar resultados que nos sitúen á vangarda da xeración de coñecemento e da eficacia na docencia e nos permitan recuperar a nosa identidade como institución ao servizo da sociedade.



Ao longo dos últimos catro anos vimos defendendo a necesidade de escoitar todos os membros da Comunidade Universitaria e de integrar as súas expectativas na xestión e toma de decisións. E agora, na nosa proposta, adquirimos o compromiso de construír un novo modelo baseado no diálogo, a participación e a corresponsabilidade que permita garantir para todos e todas as mellores condicións para o desenvolvemento do seu papel e traballar pola consecución da súa satisfacción. Asumimos no noso programa tres grandes retos neste eido:



A planificación con criterios rigorosos da dotación e composición dos cadros de persoal para dar resposta á realidade e as novas esixencias derivadas da reforma dos planos de estudo de grao e posgrao, da profesionalización dos servizos e de preparar o noso estudantado para traballar nun marco global no que xa non existen fronteiras.



E a formación integral dos nosos estudantes, que ademais de capacitar en competencias e habilidades, ten que preparar mulleres e homes para se converter en axentes de cambio e progreso social. Con este fin, ademais das medidas propostas cara á oferta académica, propoñemos no noso programa o establecemento de canles de comunicación directos co equipo de goberno e de participación na toma de decisións e a recuperación da extensión universitaria. Por último, falamos da mellora nos servizos a todos os membros da Comunidade Universitaria.



Situar as persoas como prioridade de goberno da nosa Universidade é a nosa obriga e sentímonos preparados para levala adiante. Temos o mellor equipo, independente, unido , moi ilusionado e preparado para traballar dende o primeiro día si a comunidade universitaria así o decide. Somos una candidatura universitaria e necesitamos contar con todos; fomos os máis votados na primeira volta e pensamos que a comunidade universitaria vai entender e vai a apoiar o noso proxecto para facer dunha Universidade boa unha Universidade mellor.