CANDIDATO A REITOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
Juan Casares Long: “Deixar comprometido o futuro da vindeira reitoría é mala política”
21.02.2010 Casares Long é o único que repetirá en maio como candidato a reitor da USC ·· “A súa, di, é unha visión da universidade libre de condicionantes” fronte a alternativas nas que ve continuidade ·· E agora, asegura, máis arroupada ca en 2006
Juan Casares Long (A Coruña, 1950) será en maio o único que repita candidatura á reitoría da USC. Tras catro anos como case única oposición de Senén Barro, co que empatou en número de votos, séntese máis coñecedor da universidade e mantén como eixes do seu discurso "a necesidade de cambio e de contar con todos". A universidade que quere, insiste, débese a quen a financia, a base de innovación con valor social, achegando solucións á sociedade. O catedrático de Enxeñería Química e director do grupo de investigación de Modelización Ambiental acredita experiencia como impulsor do Centro de Supercomputación de Galicia ou Meteogalicia. No seu currículo figura tamén a etapa como director xeral de Medio Ambiente e primeiro director da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da USC. Máis atrás, recorda a docencia na Universidade do Petróleo de Arabia Saudí, onde aprendeu "a ser máis tolerante cos distintos xeitos de pensar" e experimentou Boloña "con 30 anos de anticipación".
_ ¿Como foron estes catro anos?
_ Unha escola moi dura, porque fun a única voz que provocou debate sobre os problemas reais da universidade, e incluso a que lexitimaba democraticamente o equipo actual, porque as do seu contorno, de lealdade sen condicións, non lexitiman nada.
_ ¿Que o anima a repetir?
_ A experiencia acadada, o coñecemento da universidade que adquirín, e a necesidade de cambiar de rumbo e de contar con todos.
_ ¿Que ten de equivocado, ao seu xuízo, o rumbo actual?
_ Tantas cousas! Pero sobre todo non escoitar, non recoñecer a necesidade de participación de todos. Hai unha visión moi estreita da realidade e incapacidade para chegar á sociedade.
_ ¿Cal é o problema da USC que lle preocupa máis?
_ Poderiamos dicir que os problemas das persoas, o económico-financeiro, o patrimonial.
_ Toca negociar novo plan de financiamento, pero en plena crise, ¿veñen tempos complicados?
_ O que temos que facer é optimizar recursos, pensar en toda a universidade, levar a cabo unha xestión eficaz e contar con todas as formas de ver a universidade. Preocúpame [o escenario actual] pero non me asusta.
_ O futuro seguirá tamén moi marcado por Boloña, ¿como se está a encauzar o proceso?
_ É unha reforma radical do ensino-aprendizaxe, case unha reforma cultural, e iso non se consolida da noita á mañá. Queda moitísimo percorrido, e teremos que ir corrixindo as disfuncións que existan e que poidan xurdir.
_ ¿Pero convénceo a reforma?
_ Estamos nos primeiros balbucidos. Boloña foi unha ocasión para a reflexión sobre procedementos de ensino. Nese senso, benvido sexa, pero a planificación en España foi inexistente, con continuos cambios e a urxencia dos que chegan cos prazos case cumpridos. Hai que facer esforzos para garantir que sexa unha mellora para os estudantes._ A próxima reitoría terá que executar boa parte o proxecto de Campus de Excelencia Internacional...
_ De interese rexional.
_ ¿Que lle parece o proxecto?, ¿asumiríao como seu se fose reitor?
_ Mire, a USC está moi necesitada de mellorar as infraestruturas de investigación, e mesmo as docentes, en todas as áreas. Quen goberne terá que coidar a igualdade de oportunidades para todo o mundo. Eu sinto satisfacción por que un proxecto noso sexa ben valorado, pero temos que imbricalo na estrutura da universidade. Penso que iso está por facer, e será unha das tarefas do novo goberno. Tratar de deixar comprometido, con moitas présas e a última hora, o futuro dos vindeiros gobernantes é unha mala política.
_ ¿Gustaríalle que quedase máis aberto para quen remude a Barro?
_ Naturalmente que si.
_ ¿Incluído o cambio de nome do Campus Sur polo de Campus Vida?
_ No consello de goberno fun das tres persoas que expuxemos a nosa preocupación por asumir un nome que non representa as distintas sensibilidades do Campus Sur e racha coas denominacións dos campus de Santiago. Ese debate está fóra de lugar.
_ ¿Volverá a Campus Sur se gaña?
_ [O cambio feito] é unha frivolidade cando temos que facer grandes esforzos para reconducir a situación económica á que nos levaron os actuais dirixentes da universidade e unhas administracións que non acaban de entender a necesidade de apoiar o coñecemento. Se queremos un cambio, fagámolo, pero busquemos o momento oportuno.
_ Vigo tamén cambiará axiña de reitoría, ¿debería quedar para máis adiante o acordo entre os reitores de compartir recursos das institucións universitarias galegas ou é bo?
_ Teño clarísimo que compartir recursos é unha magnífica solución. De feito, eu participei e incluso dirixín algunhas propostas nesa liña. Falo do Cesga, da rede de banda ancha de ciencia e tecnoloxía de Galicia ou da aplicación informática das probas de acceso á universidade durante 17 anos. Sobre o protocolo, hai tres semanas que solicitei unha copia del, pero sigo á espera.
_ Nestes meses debateuse moito sobre Medicina, ¿cal é a súa postura?
_ Unha facultade, unha titulación e colaboración... É que levamos moitos anos colaborando con todos os hospitais do Sergas. Outro tema é o novo edificio. Cada pouco tempo mostrábanse proxectos que lle custaron moitísimo á USC, pero nunca houbo vontade de levalo a cabo.
_ Pero para acometer esa obra fan falta recursos externos á USC.
_ Si, agora. Antes houbo eses cartos, pero aplicáronse noutras cousas, non no que correspondía. É unha débeda histórica e irei a morte para solucionala.
_ Desta volta agárdanse seis candidaturas a San Xerome, ¿é un escenario electoral difícil?
_ É diferente. Entendo que aqueles que apoiaron a outra alternativa hai catro anos agora apoian algunhas. Eu sigo representando o mesmo ca en 2006, unha visión libre de condicionantes da nosa universidade.
_ ¿Ve candidaturas de continuidade?
_ Máis dunha, claramente.
_ ¿E máis de dúas?
_ Tamén.
_ ¿Ten xa o equipo conformado?
_ Como persoas asignadas a un posto, non teño, e intencionadamente. O importante é ter un programa e buscar as persoas máis preparadas para levar adiante os seus retos.
_ ¿Pero séntese arroupado?
_ Teño moita xente, é unha das diferenzas máis notables con respecto a hai catro anos. Achéganme traballo e ilusión para facer un bo programa.
_ En calquera caso, ¿como definiría o equipo que quere conformar?
_ Pois un equipo con distintas formas de ver a universidade dende a universiade, pero cun obxectivo común. Eu non vou xogar á multiuniversidade nin á univercidade (termo cuñado por Barro). Para min a palabra universidade dío todo.
_ Fala de distintas sensibilidades. Tamén hai distintos sentimentos e hai áreas, como a de Humanidades, que se senten discriminadas.
_ Senten que non xogan en igualdade de condicións. Eu tamén vexo que nestes momentos as oportunidades non son iguais para todos.
As liñas xerais
Un proxecto “asentado na realidade”
A súa nai era de orixe metade inglesa, metade austríaca. A ela débelle o seu exótico segundo apelido, aínda que el mesmo viviu varios anos en Reino Unido, onde fixo o doutoramento. Ten dous fillos, xa criados, e se chega a reitor sentirá perder os xoves de música clásica do Auditorio de Galicia.
_ ¿Pode avanzar algunhas liñas do seu proxecto?_ Estará asentado na realidade, que é terca. Hai que ser realistas e resolver o problema do coñecemento da comunidade universitaria de cal é a nosa situación real.
_ ¿Fala das contas?_ Por exemplo, pero non só delas. Dende 2006 solicitei distinta información sobre a situación económica e só recibín unha minúscula parte. Nunca apoiei os orzamentos, porque nunca me pareceu que mirasen cara ao futuro.
_ ¿E á parte diso?
_ Optimizar recursos, reestruturar a xestión e aposta pola docencia serán outras das liñas do programa