jueves, 25 de marzo de 2010

05/03/2010. Xornal de Galicia.

SOCIEDAD
Juan Casares Long: “Hai que cambiar a lei para apoiar o mecenado”
“Temos que reducir as multiplicidades de títulos e convertelas en ofertas diferenciadas”
CRIS SOUTO

Juan Casares Long, catedrático de Enxeñería Química, é o único candidato ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que repite. En catro anos pasou dun man a man con Senén Barro, o actual reitor, a competir con outros cinco candidatos.


Como ve este novo escenario?

Esta é unha situación nova e moi diferente. Seis ou sete candidatos tivéronos na Complutense de Madrid hai anos, pero é unha universidade cunha dimensión moito maior ca nosa. Esto racha moitas cousas, porque é moi difícil, por exemplo, artellar un debate entre seis candidatos. Tamén ocorre que, xa agora, atopámonos os candidatos ás mesmas horas nos mesmos centros, o que resulta...on vou dicir violento, pero si é unha novidade.


Espera que se produzan pactos?

Pactos existen xa e algúns son públicos, porque as plataformas apoian uns candidatos, pero eu non estou aquí nun mercadeo de votos. Presento unha alternativa e, se á xente lle parece ben, fará un esforzo un pouquiño maior ca hai catro anos e entón non debo de ter problemas. Se daquela conseguín o 50% dos votos, agora fai falta que os que me votaron manteñan o seu voto e que se valore o traballo feito durante catro anos. Fun a única voz alternativa, provocando o debate en todos os Consellos de Goberno e os Claustros, plantexando case 200 propostas, alegacións e observacións, que me permitiron acadar unha visión moi completa da USC. Foi unha escola moi dura, pero insistín e resistín e agora estou capacitado para liderar a universidade.


Converxencia Universitaria ofreceulle o seu apoio. Por que o rexeitou?

Entendo que as plataformas, como unha mala copia dos partidos políticos, están fóra de lugar na universidade, pero existen e están moi activas. Eu non estou nelas, pero respecto aos que están.


Habería que darlle máis valor ao voto do estudantado?

Teñen un voto importante. Apoiáronme moi claramente hai catro anos, por eso teño unha especial sensibilidade. No actual sistema teñen máis voz que en moitas das universidades de Europa e teñen unha representación. Outro tema é a participación, que eu vou activar e facer efectiva no sistema de goberno da universidade, porque a súa opinión ten que ser tida en conta. Abrirei canles directas de comunicación cos alumnos.


A aplicación do plan Boloña está sendo moi decepcionante. Que faría coa actual oferta de Graos e Posgraos?

A implantación do plan Boloña en España foi convulsa, confusa e tardía, porque o Goberno central non foi quen de ordenar o proceso e deixouno para moi tarde. As enxeñerías, por exemplo, non estaremos nos novos plans de estudo ata o curso vindeiro. Será unha etapa moi interesante pero de moito traballo para mestres e estudantes, porque non estou seguro de que no ensino medio fixeran os cambios precisos para que os alumnos mudaran a súa visión do ensino superior.


Logo, gústalle o mapa de titulacións?

Non, temos que aproveitar a ocasión para reducir as multiplicidades e convertelas en ofertas diferenciadas. Porque esta situación, froito dunha cultura localista e da segregación da USC en tres universidades, prexudica o noso sistema, que ten recursos limitados e moi escasos.


Para lograr eso habería que manter e fortalecer o acordo de colaboración asinado polos tres reitores actuais, non cre?

Ese acordo teño que velo e estudalo, porque non coñezo os detalles, pero sempre estou por colaborar. Teño unha experiencia moi satisfactoria en dirixir proxectos de colaboración institucional entre as tres universidades, como a creación do Cesga, a rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia, a aplicación informática de acceso ao ensino superior ou a aplicación de xestión das bibliotecas universitarias, que seguen funcionando. Como o resultado é tan satisfactorio, vou seguir nese camiño, buscando acordos.


Que opina da actitude da Xunta?

Entón tiñamos sempre a súa complicidade para levar adiante todos estes proxectos, por que non pode seguir sendo así? Esa colaboración soamente redunda en beneficios, sobre todo neste momento de crise, polo que a Xunta vaino ver con moi bos ollos.


Como debe de ser o novo modelo galego de financiamento universitario?

Ten que ser un modelo sostible que garanta unhas cantidades estables a medio prazo. Os últimos dous plans baseábanse nuns futuros que non se cumpliron, o novo ten que facerse cos pés na terra e sentido común. Con todas as prevencións e rendindo contas, por suposto.


Amais do financiamento público, como potenciaría o investimento privado?

Esa é unha materia pendente en España. É un problema cultural, fiscal e legal. O mecenado dos países anglosaxóns tiña que servirnos de referente para cambiar a lexislación e os valores. Alí, os antigos alumnos séntense en débeda con quen os formou para mellorar social, económica e persoalmente. Nós non temos esa tradición. A sociedade galega non é consciente da aportación da universidade.


Que opina da futura Lei de Ciencia?

Temos tantas expectativas frustradas, con tantos borradores, coa experiencia do EPIF, que eu xa non me atrevo a dar unha opinión do que está a vir porque en dous meses pode mudar por completo.


Que faría co Campus Vida?

Este proxecto non foi presentado en ningún órgano de goberno da universidade. Agora teremos que discutilo e ver como xestionamos esa herdanza da que tampouco coñecemos cifras concretas ou cales son os compromisos financeiros acadados. Porque os 7,5 millóns que recibimos do ministerio foi un préstamo que a Xunta fará efectivo, polo que os cartos dánolos a Xunta, non o ministerio.