domingo, 16 de mayo de 2010

16/V/2010 (15/V/2010). Xornal.com. “Da man”, polo Campus do Mar

mailto:http://www.xornal.com/artigo/2010/05/14/sociedad/universidad/da-man-polo-campus-do-mar/2010051422541602552.html

As universidades galegas ratifican a súa cooperación e concorren xuntas á axuda do Ministerio de Educación

M. DEL RÍO

Hai unha semana as tres universidades galegas asinaban un acordo para estreitar os seus lazos de colaboración en docencia, investigación e financiamento. Sete días despois, Alberto Gago, Senén Barro e José María Barja deron mostra desta vontade asinando unha alianza estratéxica que lles permite concorrer conxuntamente co proxecto do Campus do Mar á convocatoria de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación. Os tres reitores coincidiron en salientar que o Sistema Universitario Galego se atopa no momento de máis estreita colaboración, no que cada centro debe delimitar as súas potencialidades para apoiarse.
Segundo apuntou Gago, esta “é unha primeira etapa do acordo que subscribimos as universidades e implica ir da man nas propostas que as tres institucións presenten ao concurso de Campus de Excelencia Internacional” e engadiu o reitor vigués que se darán os pasos necesarios para selar esta alianza tamén cos proxectos da Universidade de Santiago e da de A Coruña. Sobre esta estreita cooperación, Senén Barro salientou que “nunca na historia das universidades galegas houbo tanto empeño por sumar, por cooperar e por trasladar ás administracións públicas que é moito máis rendible apostar pola colaboración que pola división”. O reitor vigués subliñou que as tres institucións representan o núcleo duro do proxecto, o que significa que están “traballando nunha proposta compartida buscando acordos sobre a estratexia de I+D+i a seguir, a súa estrutura e as súas fórmulas de gobernanza”. Gago reiterou a importancia desta alianza: “Significa que seguiremos traballando xunto polo menos durante os vindeiros vinte anos”.

Os rexedores das universidades de Santiago e A Coruña coincidiron tamén no relevante de sumar masa crítica para os proxectos de cada institución e apostaron por continuar estreitando lazos porque é momento de “sumar e non de restar”, subliñou Barro, de construír conxuntamente este Campus do Mar que “é sen dúbida a mellor aposta que neste escenario pode facer Galicia”. José María Barja puntualizou ademais que este proceso de traballo colaborativo non é nada novo. “Levámolo facendo moito nos últimos tempos, ás veces máis do que se percibe” e cualificouno de “proxecto simétrico para os tres centros académicos.
O reitor Alberto Gago anunciou, ademais, unha presentación pública para o día 27 de maio na que agardan contar “cos responsables técnicos de todos os socios do proxecto”.