miércoles, 26 de mayo de 2010

26/V/2010. El Correo Gallego. Casares Long: “Temos que sacar adiante este país noso”

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/casares-long-temos-sacar-adiante-pais-noso/idEdicion-2010-05-26/idNoticia-551097/

“Hai que dar maior protagonismo aos centros e departamentos, que se sentan escoitados”

IOLANDA CASAL



Na voz nótaselle un chisco a falta de sono da celebración e do madrugón, pero Juan Casares Long (A Coruña, 1950) xa empezou a traballar só horas despois da vitoria nas urnas (obtivo o 57% dos votos e gañou en 20 dos 26 centros) no traspaso do poder que o converterá no quinto reitor da democracia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tras despachar durante máis dunha hora co aínda reitor Senén Barro, Casares repasa algúns dos principais temas cos que lle tocará lidar mentres o seu móbil insiste coa melodía Nokia das chamadas dun montón de colegas que queren felicitalo. Un dos asuntos prioritarios será a negociación do plan de financiamento do Sistema Universitario Galego. O reitor electo ofrece rigor nas contas e asume que a USC non cumprirá todos os seus proxectos nos prazos programados por mor da crise, pero pide tamén unha maior conciencia da sociedade e da Administración de que a universidade é parte da solución.
O seu lema é a recuperación da esencia da universidade, ¿como o vai facer?, ¿que é o primeiro que quere mudar?



Queremos traballar no ámbito da corresponsabilidade, insistindo en que a cultura do esforzo individual se converta na cultura do esforxo colectivo. Temos que establecer unha relación de confianza cos centros e cos departamentos, dándolles maior protagonismo nas responsabilidades que xa teñen, para que se sintan escoitados. Iso non vai quedar nun mero eslogan de campaña.



Un dos temas clave no comezo do seu mandato será o plan de financiamento. Son tempos difíciles, ¿a que pode aspirar a USC con realismo?, ¿débese recoñecer algunha peculiaridade?



A USC ten sinais de identidade propios, é a universidade máis investigadora de Galicia. Apoiar a investigación da USC é apoiar a Galicia dun xeito rotundo, un compromiso coa sociedade.



Hai quen pensa que o seu paso por un goberno de Fraga o debilita na negociación coa Xunta, outros que pode favorecer a USC, ¿en que posición se ve vostede?



Na Xunta de Galicia aprendín moitas cousas, entre elas a xestionar os cartos públicos (...). Sería imposible pensar nun trato de favor. Cada universidade fará valer os seus valores, nós os da USC, e á Xunta lle toca a última palabra. A comunidade ten que ver en nós unha oportunidade para saír das dificultades, non un gasto. E nós temos que asumir coa Xunta o compromiso de quitar adiante este país.



¿Debe a Xunta comprometerse máis con Campus Vida? Vostede foi crítico con este proxecto...



Fun crítico coa forma de presentalo, sen contar coa comunidad universitaria. É un proxecto ambicioso e temos que rendibilizalo socialmente, producindo resultados de investigación que lle sirvan á sociedade, tanto á parte pública como á privada, e para xerar emprego.



¿Pensa que se poderán executar todas as obras de Campus Vida tal e como se concibiron?



Os números ata o de agora non permiten vislumbrar que todas as cousas se poidan facer dentro dos tempos previstos, sobre todo aquelas que non teñen os recursos acadados xa.



¿E que pasa caso concreto do novo edificio de Medicina?



É un proxecto pendente, en primeiro lugar, dun proceso de expropiación por parte do concello. E logo tamén teremos que buscar achegas económicas.



¿Confía en chegar a un acordo entre Xunta e as tres universidades sobre a docencia clínica?



Estou seguro de que si. En educación non pode haber vencedores nin vencidos, o resultado ten que ser bo para Galicia, e nada máis.



¿Terá tamén que concienciar a Xunta de que non fai falta outra facultade de Medicina?



Presupoño que aquilo da segunda facultade nunca foi máis ca un soño pouco realista dalgúns. Se estamos falando de diferenciarnos, non podemos caer outra vez nos mesmos erros do pasado.



¿Haberá boa sintonía entre os tres reitores, agora que dous serán novas caras?, ¿asume o acordo de cooperación asinado por Barro, Gago e Barja?



Claro, é o camiño. O seu éxito foi definir tres ámbitos diferenciados nos que colaborar, arredor dos Campus de Excelencia Internacional. É moi importante que tanto o Campus Vida como os proxectos que presentarán [este ano] Vigo e A Coruña impliquen as tres universidades, aínda que cada un deles sexa coordinado por unha. Espero que entre todos sexamos capaces de manter o carácter diferenciado de cada campus complementando esforzos, en lugar de diluílos.



Falamos de compromisos económicos da Xunta coa universidade, ¿pero debe a USC tamén dar exemplo de austeridade?



A USC ten que demostrarlle á sociedade que é rigorosa no control dos ingresos e dos gastos. Imos facer fincapé niso.



¿Pero pode apertar máis o cinto?



Agora descoñezo as previsións, pero insisto, hai que empezar a ver que o investimento na universidade non é un gasto, é unha aposta polo futuro.



A nivel docente, ¿cabe a posibilidade de darlle unha volta aos novos plans de estudos adaptados a Boloña?



Teremos que buscar fórmulas, porque aínda que se fixeron coas mellores intencións, as universidades españolas foron vítimas da falta de previsión e de medidas a nivel estatal moi discutibles. A adaptación é un traballo que queda por diante, que terá que ver cos primeiros anos de experiencia, as verificacións da Aneca... Fai falta ademais un esforzo moi importante por parte dos profesores. Levamos moitos anos impartindo docencia cun modelo que temos que mudar.