domingo, 2 de mayo de 2010

2/V/2010. Xornal.com. Juan Casares Long. Todos somos Universidade

http://www.xornal.com/opinions/2010/04/30/Opinion/todos-somos-universidade/2010043022495500139.html

O Reitorado da USC non é tarefa dunha soa persoa, é o esforzo de moitos. A candidatura que presentamos reflicte o traballo de máis de 60 persoas e unha filosofía: a participación coordinada. Nos últimos catro anos e especialmente nos últimos meses, esa foi a nosa liña de actuación e seguirá a selo a partires do 5 de maio: escoitar as persoas, abrir o diálogo e propiciar o debate.

 
Os nosos estudantes son o futuro da USC e de Galicia. De aí a nosa aposta firme por eles, nunha Universidade centrada en xerar coñecemento e formar profesionais competentes. Ademais da busca da excelencia na docencia, tanto no grao como no posgrao, consideramos necesario fomentar unha maior e mellor presenza dentro da vida da Universidade, promovendo bolsas, creando espazos informais de traballo nos centros, impulsando a súa participación en programas de mobilidade e de cooperación ao desenvolvemento, ou en actividades de extensión universitaria.Para logralo é imprescindible crear canles de comunicación directas con eles, para que os estudantes participen na vida da nosa Universidade.

E se eles son o futuro, unha parte decisiva do noso presente é o persoal docente e investigador, e o persoal de administración e servizos. Con respecto á función docente, buscaremos establecer o equipo óptimo adecuándoo ás novas necesidades, axustando as infraestruturas e os programas dos novos planos de estudo. Por outra lado, temos un compromiso decidido coa investigación, cun obxectivo claro de visibilización de resultados, abrindo as portas á sociedade e buscando a súa atención e a súa cooperación. Nada disto será posible sen unha política adecuada de captación e consolidación do persoal, atendendo ás especifidades das distintas áreas de coñecemento, e sen unha redución das tarefas burocráticas que permita ao PDI centrarse nas súas ocupacións, recuperando, en definitiva, a esencia da función docente e investigadora.

 
No que respecta á xestión, o persoal de administración e servizos ten un papel fundamental na construción do proxecto de Universidade. Decididamente contamos con todos, elaborando a dotación do grupo óptimo e readaptando as estruturas ás necesidades. Defendemos a profesionalización da xestión, delimitando a función administrativa da toma de decisións. Promovemos, en conclusión, unha xestión áxil, eficaz e profesional.

 
E máis aló do ámbito da USC buscamos a colaboración institucional coas administracións públicas e o sector privado. Debemos reforzar a nosa capacidade de captar recursos, potenciar as prácticas dos estudantes e facilitarlles saídas profesionais unha vez rematen os seus estudos. A Universidade ten que transmitir á sociedade na que se integra que constitúe un servizo esencial para o seu desenvolvemento e mellora.

 
Universidade leva na súa etimoloxía e na súa esencia o interese por todo o humano. Recuperemos entre todos esa esencia.