miércoles, 5 de mayo de 2010

5/V/2010. Xornal.com. A USC elixe os dous finalistas ao Reitorado

http://www.xornal.com/artigo/2010/05/05/sociedad/universidad/usc-elixe-dous-finalistas-ao-reitorado/2010050423395400363.html

O periodo de votación remata ás 18.30 horas e á noitiña xa se coñecerá quen pasa á segunda volta

CRIS SOUTO

Pechada a campaña electoral, as horas­ da xornada de reflexión pasaron lentas onte e os nervios dos membros das sete candidaturas ao Reitorado da Universidade de Santiago (USC) irán in crescendo ata esta tarde. Ás 18.30 horas pecharanse as 59 mesas electorais e moitos dos candidatos xa estarán facendo reconto dos datos recabados polos seus profesores nas facultades e centros.
Non será ata as nove da noite cando­ o Reitorado anuncie en rolda de prensa os resultados provisionais das eleccións que, previsiblemente, non significarán o nomeamento dun novo reitor ou reitora. Ninguén­ agarda que algunha das sete candidaturas acade o 51% dos votos preciso para gañar as eleccións na primeira volta. Deste xeito, serán os dous candidatos máis votados os que, logo dun novo periodo de eleccións (do 19 ao 22 de maio), se enfronten nas urnas o 24 de maio. En total, case 33.600 persoas están chamadas a votar hoxe, a partir das 10.30 horas. O actual reitor da USC, Senén Barro, farao a primeira hora na facultade de Física. Polo que respecta aos candidatos, Lourenzo Fernández Prieto votará ás 11.00 horas en Xeografía e Historia, á mesma hora que Laura Sánchez Piñón, pero en Veterinaria, en Lugo.

Juan Casares Long asistirá ás 11.30 horas á Escola Técnica Superior de Enxeñería, ás 12.00 horas Pilar Bermejo estará en Química e, ás 12.30 horas, Jaime Gómez Márquez exercerá o seu dereito en Bioloxía e Mercedes Brea en Filoloxía. Pola súa parte, o candidato Juan Varela xa empegou o voto anticipado.
Cómpre lembrar que as papeletas con máis peso específico son as do profesorado funcionario doutor, que representan o 51% do voto ponderado. O resto do Persoal Docente e Investigador (PDI) leva o14%, os investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao contan o 3% , os estudantes de primeiro e segundo ciclo, o 24% e, por último, o Persoal de Administración e Servizos (PAS) pondera o seu voto co 8% do total.
Mentres en Santiago viven a xornada electoral, Vigo celebra o inicio de campaña para escoller reitor.