martes, 4 de mayo de 2010

4/V/2010. Xornal.com. A USC desbota mañá cinco dos sete candidatos ao Reitorado

http://www.blogger.com/post-create.g?blogID=4331288182750703078

O elevado número de candidaturas fai case segura unha segunda volta, prevista para o 24 de maio

CRIS SOUTO

Case 33.600 membros da Universidade de Santiago (USC) están chamados mañá a votar para elixir o novo reitor ou reitora da institución, así como aos seus representantes no Claustro e nos departamentos que, por certo, estrearán o voto electrónico. En concreto, quince departamentos da USC con 15.375 electores poden facer uso xa do e-voto.

Para o resto, as tradicionais papeletas na urna ou mediante o voto anticipado serán o instrumento básico para escoller o sucesor ou sucesora de Senén Barro. Con sete candidatos e ningún claro favorito, parece asegurada unha segunda volta. Despois da votación de mañá, o venres facilitaranse os resultados provisionais. Se, finalmente, non hai un gañador claro, os dous máis votados terán un novo periodo de campaña do 19 ao 22 de maio e volveranse enfrontar nas urnas o día 24.

SETE PECHES DE CAMPAÑA

A maioría dos candidatos pecharon esta campaña con actos en diversos centros. Lourenzo Fernández Prieto rematou onte a procesión de actos en Lugo, cun grupo de estudantes. Pola mañá, pediu o voto desde a facultade de Ciencias Políticas para “construír entre todos e todas a universidade pública galega do século XXI”. A súa oferta, apuntou, é “menos dependencia, máis autonomía, máis suficiencia financeira e máis recuros, menos burocracia inútil e máis pór no centro do sistema ao estudantado, os docentes e os investigadores”.

Pola súa parte, Mercedes Brea escolleu a facultade de Medicina para pechar a campaña, onde avogou por “superar esa aparente dicotomía, que debera ser inexistente, entre Hospital e Universidade”. A candidata defendeu que “a USC é a única universidade galega con capacidade para organizar, coordinar e avaliar estudos de Medicina”.

Tamén Laura Sánchez Piñón finalizou a súa campaña nesta facultade, onde anunciou a incorporación de novas propostas ao seu programa, achegadas desde a súa páxina web. Entre elas, o recoñecemento académico da participación estudantil en distintas actividades académicas ou o incentivo das relacións entre a USC e distintas ONG para que os estudantes participen no voluntariado.
Pilar Bermejo rematou a súa campaña no Campus de Lugo, en reunións con persoal de Administración e servizos, profesores e alumnos. Bermejo pediu apoios para facer un “cambio profundo” para lograr unha USC “que escoite os estudantes, os profesores e os seus traballadores, revalorizando a docencia e a investigación, que abra un tempo novo, plural e aglutinadora, innovadora e emprendedora, viva e prestixiosa, á par que esixente”.

Pola súa banda, Juan Varela Durán pediu no seu blog os votos necesarios para “fomentar a participación, a igualdade, a convivencia, a calidade e o benestar de todos”. Juan Casares Long rematou visitando as residencias universitarias e Jaime Gómez Márquez pechou, xa o venres, a campaña na súa facultade, a de Bioloxía.

Mentres mañá os composteláns e lucenses acudan a votar, os vigueses, pontevedreses e ourensáns asistirán ao inicio da campaña electoral que enfronta a Salustiano Mato e Jaime Cabeza. Ambos participan esta semana en sendos Cafés de Redacción en Xornal de Galicia