Haberá moito que decidir. E é que ademais das elección do novo cabeza visible da USC durante os próximos catro anos, o vindeiro mércores máis de 30.000 persoas están chamadas a escoller aos seus novos representantes no Claustro.
Plataformas docentes e colectivos de PAS e estudantís xa presentaron a súa candidatura. Así, o Persoal de Administración e Servizos poderá escoller entre tres opcións: a da Trabe, Cupas (Candidatura Unitaria do PAS) e +Útil. Repartiranse un total de 24 asentos dos 300 dos que se compón o Claustro, é dicir, ao redor dun 8%.
Pola súa banda, os estudantes terán moitas máis oportunidades de elección. O colectivo máis numeroso é o de Comités Abertos, pero o alumnado poderá escoller ademais entre os independentistas Agir, Iniciativa Estudantil Galega (Iesga) o Sindicato de Estudantes. Ademais, a esquerda vai perdendo peso aos poucos na ideoloxía dos estudantes. Durante os últimos anos xurdiron asociacións como Elga, de corte máis conservador. eles repartiranse o 26% dos postos.
En todo caso, para o Claustro escóitase tamén a consigna unha e mil veces repetida de que a Universidade está en crise. Quedou claro nas últimas sesións, especialmente na dedicada ao debate e aprobación dos novos estatutos para a institución académica compostelá. A alta abstención deixou sen posibilidade ao texto, e o proceso tivo que volver abrirse. As críticas chegaron por todos lados, e chegouse a dicir que os claustrais se habían desmovilizado porque o órgano perdía cada vez máis poder de decisión.
Con crise ou non, a partir do 5 de maio entrarán caras novas nun órgano de goberno no que o colectivo docente ten bastante máis da metade dos postos, algo que fai que a abstención sexa mínima neste colectivo e multiplíquese nos menos representados.