martes, 20 de abril de 2010

19/IV/2010. Proxecto europeo eHospital coordinado pola USC e o CESGA en España divulgado por Televisión Española, na súa canle internacional Europa




Por Carmen Fernández Morante


A reportaxe foi elaborado pola produtora SZena TV, dentro de +DEspaña, unha serie de 32 programas sobre I+D+i nas distintas comunidades autónomas. En cada capítulo recóllense os proxectos máis novos e ambiciosos neste ámbito, especialmente aqueles que supoñen unha mellora para a cidadanía rexional e local. O proxecto eHospital sinalouse como un dos máis destacados na nosa comunidade autónoma.



O Proxecto europeo eHospital foi financiado pola Comisión Europea no marco do programa Socrates/Grundtvig, (2005-08) foi coordinado en España pola Profesora Carmen Fernandez Morante (Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC) e Maria José Rodríguez Malmierca (Departamento de elearning do CESGA), sendo o seu obxectivo desenvolver un sistema de e-learning para a formación de pacientes adultos hospitalizados de longa duración.



A experimentación do sistema de elearning desenvolveuse en colaboración coa Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Como resultado do estudo piloto un total de 13 pacientes da Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña obtiveron os correspondentes diplomas acreditativos do título de experto en Alfabetización dixital pola Universidade de Santiago de Compostela.



Hai que destacar que a experiencia piloto e-hospital española foi recoñecida en ano 2007 co premio Computerworld que outorga unha relevante publicación do sector das Telecomunicacións. Este galardón fixo merecedor ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña do recoñecemento nacional como a institución pública que máis impulsou ese ano o uso do TIC para o benestar dos cidadáns. Tamén o Observatorio de Boas prácticas de Universidade e compromiso social da Global University Network for Innovation (GUNI) promovido pola UNESCO, United Nations University (UNU) e a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), seleccionou o estudo piloto español como exemplo de Boa práctica. No ámbito internacional o proxecto foi galardoado no 2008 co mais prestixioso premio á educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria como a iniciativa con maior potencial innovador para a educación de adultos. No 2009 recibiu da Comisión Europea o prestixioso galardón European Lifelong Learning Award, en recoñecemento pola súa contribución á innovación e á creatividade.



Froito da experiencia educativa exitosa levada a cabo tanto desde o punto de vista dos alumnos como dos profesionais médicos e pedagogos, as institucións españolas participantes no mesmo contemplan ampliar o marco da experiencia máis aló do proxecto europeo.



Máis información http://www.ehospital-project.net/