jueves, 29 de abril de 2010

29/IV/2010. Xornal.com. Casares Long ve secundarios os fondos privados

http://www.xornal.com/artigo/2010/04/29/sociedad/universidad/casares-long-ve-secundarios-fondos-privados/2010042823395000116.html

A catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón e o catedrático de Enxeñería Química Juan Casares Long, participaron onte nos Encontros Dixitais de Xornal.com. Casares Long aseguroulles aos internautas que “o financiamento da universidade pública ten que ser fundamentalmente público, o financiamento privado só é complementario e nunca substitutivo”.

Amais, o candidato ao Reitorado da Universidade de Santiago (USC) comprometeuse onte a realizar unha auditoría económica da institución para coñecer a situación real. Entre outras cousas, Casares Long sinal­oulles aos lectores de Xornal.com que pretende “elaborar un plano de consolidación do persoal de apoio á investigación”. O candidato garantiu o uso do galego como lingua vehicular da USC e contemplou a posibilidade de que, sendo esta unha universidade presencial, se “usen as tecnoloxías da comunicación para impartir docencia, como másters online, cando exista a posibilidade”.

SÁNCHEZ PIÑÓN
No seu chat cos internautas, Laura Sánchez Piñón desbotou a idea dun desequilibrio económico entre as áreas de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. “Non existe tal desequilibrio económico, estas áreas teñen unha excelente captación de recursos en convocatorias competitivas externas”, asegurou, e engadiu que o seu programa “contempla un proxecto estratéxico nestas áreas na liña do Campus Vida”.

 
Hoxe responderán as preguntas dos lectores a través da web os candidatos Juan Varela Durán, ás 14.00 horas, e Mercedes Brea López, ás 16.00 horas. Poden enviar as súas preguntas, seguir en directo os chats, e ler os xa rematados en www.xornal.com/conectacon.