domingo, 11 de abril de 2010

12/IV2010. Xornal.com. A cuestión económico-financeira

Por Juan Casares Long. Candidato á  Reitoria da USC

A educación superior é un ben público social polo que a Universidade debe manter un compromiso constante coa sociedade na que desenvolve a súa actividade. Se se pretende acadar altos niveis de calidade na docencia, investigación, e xestión dos recursos acadados é imprescindible contar cun financiamento público suficiente que permita a obtención dos mesmos.
A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e de Investigación, require cambios importantes na docencia, investigación e recursos materiais, polo que será necesario que o novo plano de financiamento público permita un razoable Sistema Universitario de Galicia, en xeral, e da USC, moi en particular, que permita facer unha planificación económica a medio e longo prazo. Cando falamos de financiamento debemos ter presente que o mesmo susténtase tanto na obtención como na utilización eficiente dos recursos postos a súa disposición.
Tendo en conta o importante cambio sufrido no escenario no que desenvolve a súa actividade a Universidade, con modificacións tanto de oferta (titulacións de grao e másteres universitarios), como na demanda (menor número de alumnos) e con esixencias de calidade cada vez maiores, a Universidade debe negociar un plano de financiamento no que a parte non condicionada cubra os custos da implantación dos novos graos e posgraos, así como da actividade investigadora que asegure a docencia. Unha vez cubertos estes niveis mínimos, deberá fomentarse a corresponsabilidade, co financiamento por obxectivos, mediante contratos-programa, e o financiamento ligado a resultados, no que se fixen incentivos.
Considerando que as circunstancias económicas actuais condicionan o financiamento universitario a curto prazo, é imprescindible acadar un novo plan de financiamento que permita facer fronte á devolución das débedas e dos anticipos reembolsables xa contraídos e asumir as consecuencias da implantación progresiva das novas titulacións.
A utilización dos recursos postos a disposición da Universidade debe realizarse de forma eficiente e con criterios que permitan unha racionalidade económica, a través dunha maior información dos custos universitarios, avanzando así cara a un modelo de financiamento e de xestión económica eficaz.
Unha vez cubertas as necesidades das persoas que conforman a USC, o seguinte paso debe ser a realización dunha planificación sustentable dos investimentos en novas infraestruturas En canto as xa existentes haberá que utilizar unha concepción flexible de todos os espazos, adaptando aqueles que o precisen.

O proceso de asignación de recursos deberá realizarse con transparencia, revelando á comunidade universitaria tanto a situación económica da USC, como das actividades realizadas polas sociedades mercantís participadas, analizando a efectividade das mesmas e racionalizando os gastos asociados