jueves, 22 de abril de 2010

21/IV/2010. Xornal.com. CAFÉ DE REDACCiÓN. Casares Long: “A Xunta ten cumprir coa súa obriga e achegar recursos”

http://www.xornal.com/artigo/2010/04/22/sociedad/universidad/temos-esixirlle-xunta-cumpra-coa-sua-obriga-achegue-recursos/2010042121554300618.html

Redacción.

"As autoridades académicas careceron de planificación e previsión no deseño dos novos planos de estudo”

O catedrático de Enxeñería Química Juan José Casares Long (A Coruña, 1950) é o único dos sete candidatos a reitor da Universidade de Santiago (USC) que repite. Hai catro anos empatou en votos co reitor saínte, Senén Barro, e di que esa experiencia serviu para amosar o malestar de parte da comunidade universitaria co feito de que a institución se “mimetizara” co Parlamento e se matase o debate interno. Resume o papel da universidade coa palabra “fundamentos”, porque o estudante ten que saír cunha bagaxe, e cre que un dos problemas que máis apreman é ter financiamento para pór en práctica os plans de estudo adaptados a Bolonia.


É o único dos candidatos que se volve presentar. Vese con máis posibildiades?
Hai catro anos a aposta era distinta. Era a primeira vez que se presentaba alguén sen apoio dun grupo organizado e parecía algo moi arriscado, pero xa fixera algún tenteo na universidade e vin que a xente sentía que faltaba feeling entre a base e o equipo de goberno. Eu non estaba de acordo con que se mimetizara co Parlamento galego a USC, con tres equipos baseados no espírito de coalición. Iso facía que non houbese unha posibilidade real de debate e que se dese unha mecánica herdada de cargos. Perdín, pero dei unha chamada de atención.
Chegou a empatar en votos co actual reitor, Senén Barro.
Saquei 2.191, os mesmos ca Senén. Tiven o apoio maioritario dos alumnos, pero faltoume o dos doutores e o dos funcionarios tipo 1. O que se demostrou foi que un número importante de xente non estaba de acordo con aquel goberno a tres bandas. As plataformas quedaron debilitadas, aínda que agora están moi activas na campaña, pero apareceron novos xogadores. Penso que gañamos en riqueza e eu, despois de catro anos, aprendín moito. A xente que non está nos órganos da universidade e, en concreto no Consello de Goberno, non se dá conta de nada do que sucede. Quero mudar iso e véxome con posibilidades.
Coa estrutura de goberno que ofrece, pasaríase de doce a oito vicerreitorías, por que escolleu ese modelo?
Teríamos dous vicerreitores adxuntos en Lugo e mantéñense outros departamentos como o de Investigación. Trátase de racionalizar as cousas. Tamén propoñemos un vicerreitor de Graos e Posgraos porque os estudos de Máster teñen que ter o mesmo recoñecemento porque o que non se recoñece non se valora e termina por desaparecer. Hai outro de Persoal Docente e Investigador porque neste eido había moitas disfuncionalidades. Este persoal ten compromisos de ensino que non figuran. Os outros cambios son máis de contido. En canto á redución, creo que os tempos non están para facer as cousas doutro xeito. Ninguén sente que imos resolver sós os problemas da USC. O liderado ten que ser de todos.
A relación entre a demanda de universitarios do mercado laboral e a oferta é desigual, como se pode corrixir?
O que debe dar a universidade eu resúmoo en tres palabras: fundamentos, fundamentos e fundamentos. Agora hai a moda de que se trata de proporcionar habilidades para un posto de traballo e hai ese verniz que se fai chamar dos coñecementos transversais, que só serve para que nos sintamos máis comunicativos. Para min a universidade ten que dar resposta non só ao como, senón tamén ao por que, e facer fincapé nos fundamentos. O importante é a bagaxe do alumno. A partir de agora, moitas titulacións serán máis xeralistas, porque pasan de cinco a catro anos, e o nivel co que os estudantes chegan á universidade tampouco nos permite ser moi esixentes. Ten que saír sabendo enfrontarse aos problemas que se presenten en calquera momento.
Que se pode facer co fracaso escolar?
Parece que hoxe o problema é que alguén suspenda. A universidade en España foi un factor de cohesión social nos anos 70 e 80 porque permitiu a mobilidade social, coa masificación do ensino universitario; pero agora os parámetros cambiaron e as decisións son supranacionais. Nós somos o final da cadea e temos que aplicar o que nos vén dado. Aquí nunca tivemos os mesmos recursos que noutros países e hai que facer fronte a esa realidade. En Galicia, a cousa foi ben nos anos de crecemento, co Plan de financiamento 1990-06, pero, dende entón, non fixemos máis que perder. A universidade ten que vir marcada por un nivel de esixencia que non vexo. Hai que fixarse en que os demais están a correr e nós non podemos quedar atrás, pero isto hai que facelo camiñando con seguridade.

Pero, que opina da desgana coa que os alumnos acoden a clase?
Eu notei iso este ano por primeira vez. Os novos plans de estudo esixen máis a presenza do alumno na aula e isto para nós é unha oportunidade. Teñen menos clases expositivas e menos interactivas, e máis titorías de grupo. Esta é unha das cousas boas de Bolonia, aínda que nos custará moito porque non hai nin profesores nin aulas suficientes. Por iso, fará falta unha transición. Máis do 85% do custo da universidade está subvencionado polos cidadáns e hai poucos alumnos que se paguen os seus estudos. Cando non tiñamos impostos, tiñamos unha desgraza de país; hai que transmitir isto para que os alumnos se convenzan de que teñen que aproveitar os recursos.
Hai un sentimento similar entre o profesorado da USC?
O que está claro é que hai que conciliar a vida laboral e familiar. Moitas facultades funcionan de 9.00 a 21.00 horas. Eu dicía que había que traballar para reducir iso, como pasa en todos os centros europeos, onde os campus pechan as 18.00 horas. Pero non puiden poñelo no programa porque todos me aconsellaron que non se pode prometer algo que non se pode cumprir. Nestes momentos non hai unha alternativa porque facer un horario é case cousa de magos.
Cre que é necesario mellorar a relación coa empresa para solucionar eses problemas de financiamento?
A situación económica non é fácil. Por unha parte, hai que trasladar á comunidade universitaria unha imaxe fiel da situación financeira, que ten solución, porque senón eu non estaría aquí. O sistema universitario de Galicia nunca tivo os cartos que tiveron outros. Tampouco por parte do sector privado. Cambridge, por exemplo, ten un patrimonio tal que se pode ir desde alí a Londres pisando só terreos da universidade. Os egresados entenderon sempre que as achegas do seu traballo tiñan que ver coa institución, o que favoreceu as doazóns. Esa cultura nunca existiu aquí. A USC ten unha longa tradición de apoiar ao sector privado e iso non supón máis que unha cantidade mínima dos seus ingresos. O compromiso das universidades é público e o que hai que facer é esixir á Administración que cumpra as súas obrigas e que provea recursos suficientes.
Como valora o traballo de todos os que o apoiaron nesta campaña?
A nosa é unha proposta realista, que tivo en conta o mundo que nos rodea. Estou satisfeito coa colaboración de moita xente e coas súas propostas, que aparecen no programa de modo xeral. Non están as cousas de todos, pero si cousas de todos. Nestas eleccións, parto dunha situación moito máis agradable porque me sinto arroupado por unha xente que me deu moita liberdade para elixir. E, se non sae ben, será a miña responsabilidade.
Que diría dos seus opoñentes?
O mesmo que me gustaría que dixeran de min. Para eles todo o meu respecto. Non creo que ninguén concorra de xeito forzado a estas eleccións.
Nas eleccións de 2006 contou co apoio dos alumnos, pero o seu voto ten menos peso, habería que cambiar o sistema?

O peso do voto do alumnado é o que está nos estatutos da USC e non se pode alterar. Eu apoiei todas as súas propostas nos órganos de goberno e foi un sentimento mutuo. Sentíamos que estábamos baixo o control da Nomenklatura, pero fóra deses ambientes.

Que medidas aplicará de cara á implantación de Boloña?
Boloña é, basicamente, unha declaración, na que se dixeron dúas ou tres cousas sobre o intercambio de créditos e a organización dos estudos en grao, máster e doutoramento. A intención parece que é buscar un sistema educativo nun mundo complexo, separado por barreiras lingüísticas. Non todos os países o asumiron; algúns como Francia, fixérono en parte, e outros, como Inglaterra, só tiveron que facer algúns retoques porque entenderon que era o modelo que tiñan. A nós tocounos un cambio total. Movémonos cuns plans de estudo que van ser moi difíciles de aplicar e teremos que revisar o que está nos papeis porque a realidade é moi distinta. Temos que ver que se pode facer a transición porque fomos vítimas dunhas autoridades académicas que careceron de previsión e planificación. O Ministerio cambiou as regras do xogo unha e outra vez.

Que importancia lle dá as Ciencias Sociais e as Humanidades?
As Ciencias Sociais e as tres titulacións de Saúde levan máis da metade do alumnado da USC e no noso equipo temos máis xente destas dúas ramas porque pensamos que teñen que recibir un tratamento que non están a ter. No mundo no que vivimos vemos todo dende o prisma da tecnoloxía, pero tamén se require competencia. Eu son un convencido de que as Humanidades e as Ciencias Sociais teñen unha posición importante. A nivel europeo, está disminuíndo a xente que estuda Enxeñerías, pero nós sempre levamos unha decalaxe con respecto aos países punteiros. Vivimos unha reconversión no eido das Humanidades, que comezou hai quince anos. Antes, a Xeografía preocupábase dos ríos, os cabos, as montañas... Agora, estes profesionais son moi válidos nunha sociedade na que falamos de sistemas de información xeográfica e convertéronse en grandes consumidores de recursos informáticos. É un bo exemplo da conexión entre as Humanidades e a Tecnoloxía.
Que fará co Campus Vida?
Dixen que en canto empezase a campaña remataría o meu traballo como xefe da oposición. Pase o que pase, mirarei cara adiante. Temos que sacar rendemento a todo o que temos na universidade; non podemos desperdiciar nada porque investimos aí o que tiñamos e o que non, e non imos ter unha segunda oportunidade. Por iso, haberá que traballar con cousas que nós non tiveramos priorizado, pero que herdamos do Goberno anterior. Veremos como se pode reconducir a parte organizativa deses recursos, que implican moitas oportunidades de traballo.

Que opina de cuestións de actualidade como o Gürtel ou o caso de Garzón?
Do Gürtel direi que o que metera a man nos cartos públicos ten que pagar o que lle corresponda, que se aplique a lei en toda a súa medida. Con respecto ao de Garzón, non é doado sacar en claro a través da prensa o grao de irregularidade administrativa que cometeu, para min, é un home que nun momento dado defendeu as liberdades, cando ninguén o facía, e sinto gratitude por unha persoa que considero valente.

E sobre o decreto do galego?

O do galego é un tema sobre o que demos un xiro para volver ao principio. É algo ao que moitos chegamos tarde. A miña lingua nai é o inglés e nacín na Coruña, onde nos 50 se falaba castelán. Tiven que facer un esforzo cando cheguei á Administración, onde é a lingua vehicular, pero teño un sentimento de optimismo a curto prazo, porque creo que o galego e o castelán non o van pasar ben no futuro. Pero, se en 200 anos nos que estivo proscrito non acabaron con el, non vai pasar agora, cando calquera o pode falar sen ser infravalorado.