Tamara Montero
Dúas semanas cun ritmo de infarto. Iso é o que lle espera aos sete rectorables a partir de hoxe mesmo. A campaña electoral levaraos por todos os centros da Universidade compostelá para explicar cara a onde cren que ten que avanzar a partir de agora a institución académica máis importante de Galicia. Será ata o próximo 3 de maio. Tras a xornada de reflexión, comezarán as votacións. En principio, a maior parte da comunidade universitaria ten claro que pouco se decidirá en primeira volta, principalmente ante o número histórico de candidatos na carreira cara a San Xerome. No caso de que ninguén se faga coa metade máis un dos votos, volta a empezar. Haberá unha segunda campaña entre o 19 e o 22 de maio, e unha nova xornada electoral o día 24.
Con todo, o ritmo vertixinoso xa se deixou onte notar nas facultades e centros de investigación. Tres dos candidatos presentaron formalmente o seu equipo e a súa páxina web: o decano de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez, fíxoo na aula magna do centro que mellor coñece, o mesmo que Juan Casares Long, que escolleu a Escola Técnica de Enxeñería . Pola súa banda, Laura Sánchez Piñón presentou o seu equipo no Cibus. Será un goberno paritario, de catro mulleres e catro homes, ademais da propia rectorable. Traballarán principalmente en cinco liñas mestras: investigación, formación e docencia, internacionalización, recursos, cultura e apertura á sociedade. E é que é hora de que a USC faga visible o seu labor tanto en Galicia como no exterior, e de que a sociedade sexa capaz de entender o traballo esencial que a Universidade realiza.
Deste xeito, Javier Sardiña exercería como vicerreitor de Investigación e Planificación; María Lourdes Montero encargaríase das áreas de Formación e Mellora Educativa; María Teresa Moreira asumiría as tarefas do vicerreitorado de Política Internacional; Ana Chouciño fará o propio con Comunidade Universitaria e Sociedade, mentres que José Raúl Canay ocuparase do vicerreitorado de Recursos. O encargado do Campus de Lugo será Francisco Fraga, que contará con dous adxuntos: María Isabel Quiroga na área de Investigación e Ulises Diéguez en Formación.