Xornal de Galicia achega a campaña electoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aos seus lectores nos quioscos e a través da páxina web en Xornal.com. A partir desta fin de semana, os sete candidatos a reitor encherán un oco na sección de Opinión para dar o seu punto de vista sobre algúns dos puntos candentes da actualidade universitaria, como o Plan Boloña, o financiamento universitario ou temas máis específicos como a polémica arredor da docencia clínica en Medicina ou o Campus Vida.
Xa en tempo de campaña electoral, a partir do vindeiro martes 20 de abril, os candidatos visitarán a redacción central de Xornal de Galicia na Coruña para participar en cadanseu Café de Redacción. Nestes encontros, os catedráticos han detallar todos os aspectos relevantes da súa proposta de goberno e darlles resposta ás preguntas plantexadas por xornalistas da casa e representantes da comunidade universitaria: estudantes, investigadores, mestres e persoal de administración e servizos.
Encontros dixitais
Con todo, a oferta máis participativa para os lectores son os Encontros Dixitais en Xornal.com. Do 27 ao 30 de abril, cara ao final da campaña electoral, os sete candidatos a reitor da USC responderán as preguntas dos internautas, en directo, a través da páxina web. Para participar, o lector só debe dirixirse ao espazo dedicado aos Encontros Dixitais en Xornal.com e deixar a súa pregunta no casilleiro do candidato que lle interese, que estará habilitado desde uns días antes do Encontro
Estas ferramentas implementadas por Xornal de Galicia e Xornal.com estarán tamén operativas tan só uns días despois para seguir as eleccións na Universidade de Vigo.