domingo, 25 de abril de 2010

25/IV/2020. Xornal.com. Juan J. Casares Long. O diálogo en Medicina

http://www.microsofttranslator.com/BV.aspx?ref=IE8Activity&a=http%3A%2F%2Fwww.xornal.com%2Fopinions%2F2010%2F04%2F23%2FOpinion%2Fdialogo-medicina%2F2010042323021200848.html

Ao enfrontarse co reto de dirixir esta Universidade é necesario, case obrigado, abordar por separado a problemática dunha facultade que levanta constantes debates nos medios de comunicación, e que é a facultade de Medicina. Antes de comezar esta valoración creo necesario situarnos no contexto.
Din que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. Vivimos no país do minifundio, temos dous súper portos a 15 quilómetros en liña recta, pero sen conexións ferroviarias destes con España e Europa. Gastamos o diñeiro que non temos en tres aeroportos separados por 35 minutos, pero imos a Oporto se nos queremos conectar rápidamente con Centroeuropa. Nun momento determinado creáronse dúas universidades adicionais “complementarias”, á volta de 15 anos, temos sete campus con titulacións sextuplicadas, ás veces sen alumnos, e sempre sen retorno. E a pesar de todo isto, pretendemos voltar tropezar na mesma pedra do localismo que tanto dano nos fixo como sociedade. A Facultade de Medicina é unha das de maior tradición da nosa Universidade e constitúe no momento actual un polo de excelencia tanto desde o punto de vista da investigación (Instituto Xenómica, Indichus, etc.) clínica (CHUS) e formativa (MIR). Pero atópase sometida nos últimos anos, a dous tipos de presións políticas alleas á súa función.
Primeiro, os nosos políticos deciden en sede parlamentaria o número de alumnos a formar, pois baséanse na suposta necesidade de máis profesionais da Medicina no noso país, pero esquécense de que existe libre circulación de persoas na UE. Segundo, a visión localista que prevalece nas nosas cidades fai que sexan os políticos locais destas os que determinen e planifiquen sobre as necesidades e ordenación da formación médica en Galicia.
É necesario un cambio, iso implica descentralización –que non fragmentación da formación médica–, un forte investimento na formación e contratación de formadores. Gastar eses recursos limitados, na fragmentación (tres facultades “título compartido”) sería un grave prexuízo, probablemente irreversible para a formación médica e para o futuro laboral e sanitario da nosa sociedade. Tamén é necesaria a descentralización da formación achegándoa aos centros de práctica clínica e, sobre todo, a implicación do maior número de profesionais nunha verdadeira formación de aptitudes (formación práctica).
Propoñemos un sistema similar ao xa desenvolvido hai tempo polas Universidades de Madrid, Barcelona, San Pablo CEU e Universidade do País Vasco; non deixemos que un acordo de asignación dos Hospitais de Vigo e Coruña e as súas respectivas Universidades para a formación práctica de Enfermaría / Fisioterapia se convirta no paso irrevocable que leve á fragmentación, que non descentralización, dos estudos de Medicina. Aprendamos dos erros do pasado. Se queremos avanzar cara o futuro evitemos todos xuntos tropezar de novo coa mesma pedra.