http://elprogreso.galiciae.com/nova/53094.html
Manu López
O 5 de maio o electorado da USC está chamado ás urnas para elixir un novo reitor. O actual, Senén Barro, asinou un acordo cos outros reitores das universidades galegas e coas consellerías de Educación e Sanidade para crear a figura do colaborador docente na fase de docencia clínica da titulación de Medicina, supeditado academicamente á USC pero vinculado administrativamente á universidade coa que estea ligado o hospital no que se imparte esta formación.
Pregunta: Que posición mantén respecto de compartir a titulación de Medicina coas outras universidades galegas?
Lourenzo Fernández Prieto
Eu propuxen un acordo a tódolos candidatos para defender a proposta da Xunta de Facultade e dos departamentos. A cuestión é moi sinxela: nós non podemos ceder como Universidade a xestión da nosa titulación. A formación médica esixe a participación dos hospitais, que teñen que colaborar e na lóxica da converxencia europea e de incremento da calidade teñen que colaborar moito máis. O que hai que potenciar é a docencia clínica en calquera hospital galego que estea cualificado para ofrecela. Quen coordina a titulación é a USC e o que hai que debater é como se incrementa a súa calidade. Iso é o que me preocupa se me elixen reitor e non cuestións de territorialidade. Semella que estamos falando doutro tipo de instalacións ou de servizos e non do coñecemento e da formación.
Jaime Gómez Márquez
O que defendemos todos os candidatos é unha única Facultade de Medicina para Galicia e a implicación de todo o sistema sanitario galego na formación dos futuros médicos. Máis alá diso estou en desacordo coas chantaxes ou as presións que hai dende ámbitos políticos ou dende outras universidades para que se creen outras facultades de medicina ou que a titulación sexa compartida entre as tres universidades. Non ten sentido. Paréceme inaceptable o acordo que firmou o noso reitor --Senén Barro-- cos outros dous reitores galegos e cos conselleiros de Sandiade e Educación. É unha claudicación da USC ante non se sabe moi ben qué.
Laura Sánchez Piñón
Nunha reunión que mantivemos co equipo decanal decidimos claramente que os profesores temos que depender dunha única universidade, tal como é o mandato da lei. A fórmula que foi suscrita non pode aplicarse porque di que un profesor dependería administrativamente dunha universidade e academicamente doutra, o que resulta inviable. Temos unha única titulación de Medicina no sistema universitario galego, está na USC e, polo tanto, os profesores teñen que depender da universidade onde está a titulación. O que hai que facer agora é ampliar a docencia clínica á rede de hiospitais do sistema galego de saúde, mediante os concertos que fai a USC cos hospitais.
Juan Varela Durán
Cremos nunca única facultade de Medicina en Santiago na que os tres primeiros cursos se dean en Santiago e a docencia clínica descentralizada en cuarto, quinto e sexto que se imparta nos hospitais das sete grandes cidades galegas.
Mercedes Brea
A Facultade de Medicina debe seguir sendo só unha, a de Santiago que ten que seguir sendo a encargada de organizar a docencia. Outra cousa é que a docencia clínica aproveite tódolos hospitais de Galicia, sempre baixo a autoridade da Facultade de Medicina da USC.
Juan Casares Long
Eu fixen unha aposta moi forte. A preocupación é tan significativa que incorporamos a maiores do equipo reitoral unha persoa que ten como cometido traballar para atopar a mellor solución no ámbito das Ciencias da Saúde. Trátase dun comisionado específico para tratar de buscar solucións aos problemas que temos plantexados hoxendía.
Pilar Bermejo
A titulación de Medicina ten que ser única porque é suficiente para a nosa Comunidade e débese impartir a docencia clínica na rede de hospitais do Sergas. Iso non quere dicir que os profesores que imparten esta docencia sexan doutras universidades. A responsabilidade de toda a docencia ten que tela a USC.