Os reitorables á USC avogaron onte no Foro de Galicia Milenio por pór en valor a docencia, "a cerna da universidade, abandonada nos últimos anos a prol da investigación"
REDACCIÓN
"É difícil non subscribir todo o dito ata agora". Así resumiu onte a reitorable Mercedes Brea o parecido das intervencións dos seus "rivais" para debullar as liñas básicas do seu proxecto de goberno para convencer os membros da comunidade universitaria de que eles poden ser a mellor opción para relevar a Senén Barro no reitorado da USC.
Cambio, transparencia, diálogo, plan de financiamento favorable e optimización da xestión, internacionalización pero galeguismo, atención ó alumnado e posta en valor do labor docente... foron ideas comúns ós sete candidatos.
Os catedráticos de Bioquímica Jaime Gómez Márquez, Anatomía Patolóxica Juan Varela Durán, Historia contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, a profesora de Económicas Marisa del Río -en representación da catedrática de Química analítica Pilar Bermejo, que estaba nunha oposición a cátedra-, o catedrático de química Javier Sardiña -en representacón de Laura Sánchez Piñón-, de Filoloxía Románica Mercedes Brea, e de Enxeñería Juan Casares Long participaron onte nun debate organizado polo Foro Galicia Milenio.
Mellorar a USC é o motivo que move a todos a presentarse, como salientou Gómez Márquez. Per omentres a representante de Bermejo incidía "na crise que vive a USC, agravada por erros do equipo anterior, nomeadamente a falta de transparencia ó dicicir asuntos estratéxicos que nos comprometen no futuro" e Casares Long aspiraba a "recuperar a ilusión", Fernández Prieto salientou ó inicio da súa intervención o "rexeitamento do fatalismo. Preséntome porque quero a USC e creo que podo axudala". "Tras 26 anos de LRU, estamos ó final dun modelo e o cambio ten que ir por unha maior participación do claustro, o consello de goberno e as facultades", explicou o catedrático de Historia. A este mesmo punto de inflexión referiuse Mercedes Brea, que salientou o 2010 como o ano da integración no Espazo Económico de Educación Superior "e hai moito que facer". Tras, ó que Gómez Márquez apostilou "eu son crítico, non fatalista, e a USC pide un cambio en todo, no fondo e na forma".
No que todos coincidiron foi na necesidade de pór en valor a docencia, a razón de ser da universidade, fronte ó abandono sufrido nos últimos anos a prol da investigación. A representante de Pilar Bermejo reclamou amais a "dignificación dos centros docentes" .
A investigación foi outro dos puntos das sete propostas. O máis explícito foi Varela Durán, que distinguiu entre "investigación interesante e investigación importante" e sentido avanzou que a "súa política será a investigación baseada nas demandas da sociedade galega", fronte á concepción de Gómez Márquez, que apelou á liberdade investigadora.
Tamén foi común o compromiso pola estabilidade do persoal, tanto docente e investigacor como de administración e servizos, e na necesidade de profesionalizar este colectivo para descargar de funcións burocráticas o profesorado.
Respecto do financiamento,o decano de Bioloxía avogou por unha política de austeridade e elimiar a "débeda que nos lastra", mentres que Del Río reclamou o 2% do PIB.